Entre as torres feudais de Pena e de Sandiás, como é costume despois de intensas galernas invernais, volveu formarse a Lagoa de Antela. Tanta auga no mundo fíxome vir á memoria o elemento contrario. A memoria estoupoume en lapas. Eramos aínda nenos. Xaime Quesada e mais eu corremos pola rúa dos Fornos. Estamos en Ourense. Chegamos ás proximidades de Pizarro. Un cordón da Policía Armada e municipais mandounos dar volta cuns couces nos nosos cus. Algunha casa ardía contra a Praza do Corrixidor; tal vez contra a rúa da Lúa, xa nas inmediacións de San Francisco. O resplandor do lume expandíase polo ceo de Ourense. Xaime a máis eu escoitamos eiquí e acolá mentres buliamos aos respectivos domicilios. Un grupo de maquis fora obrigado a retirarse e fíxose forte en partes altas da cidade vella, desgrazadamente non lonxe do cuartel. Houbo fogo de morteiro e de metralladora. Aínda nós sentimos a saragaña das ráfagas. Ao día seguinte díxome que caíra un xove barnizador, empregado dunha ebanista da miña Rúa de Reza: o Barbosa. Falouse de mortos e, mais adiante, de presos e condenados a morte.

Tardei en coñecer o nome de Camilo Dios, de Sandiás, na Limia propiamente dita. El era rapaz duns dazaseis anos, e estaba na Agrupación, coido que na Segunda. Ás veces falaba dos guerrilleiros a Radio España Independiente. A emisión pechaba cun berro que aínda me resoa nas orellas: "Fuera Franco y la Falange del poder; Viva la República". Pouco antes dos sucesos que lembro, nos arrabaldos da cidade de Ourense, en Piñor, os maquis executaran un falangista achado culpabel de crimes políticos. En Ourense, os que pasaran a Guerra Mundial a ouvir a Radiodifusión Francesa chamáballes, a estes mobilizados, "maquis" e a algún afectado da esquerda, "maquisards". As dereitas en xeral preferían dicirlles "atracadores". O de "bandoleros" só funcionaba na Guardia Civil e circuitos gobernamentais. Camilo Dios, así como se foi difundindo a súa historia, convertiuse nunha figura moi respectada entre os xovens antifeixistas. Fora condenado a morte, pena que lle conmutaron por moitos anos de cadea. A súa nai e irmao tamén sofriron longos períodos de prisión. El era un home nobilísimo, con excelente memoria. Conservou os seus principios durante toda a vida.

Cóntame Antón Sánchez, de Anova, que lle quixeron conceder a Camilo certo honor parlamentario en Compostela. Fracasou o intento. Para moitos deputados, seguramente, Camilo seguía sendo un "bandolero" e non o "maquis" que realmente foi. Tiven poucas ocasións de falar con Camilo. Alén de política, conversamos de cabalos. Agora, no intre do seu pasamento, este cronista é asaltado pola lembranza do día no que intentou chegar, con Xaime Quesada, ao teatro dunha acción de guerrilla na que participaba Camilo Dios. Séxalle leve a terra límica a este heroi non condecorado.