Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ao pé do farelo

Tertulias e tertulianos

No pasado a xente dáballe por reunirse en calquera café polo simple pracer de escoitarse, verse e conversar. Eran tempos nos que non existía a incomunicación, aínda que si a soidade moitas veces compartida, e os máis vellos non se sentían en absoluto abandonados, esquecidos ou apartados da familia e sociedade como trastes inútiles e inservibles, dado que exercían de "avós", con todo o que elo significa de figura a que se respectaba, escoitaba e moitas veces mesmo recorría para seguir o seu consello, ou liña de actuación; eran logo, e ninguén o cuestionaba, modelos os que imitar, referentes, pola súa sabedoría, experiencia e coñecementos prácticos de este dura arte que resulta vivir.

Recordo agora, algunhas destas tertulias que alcanzaron elevada sona e chegaron a traspasar os umbrales do tempo e o espazo perpetuándose na historia mesmo ata hoxe. Tertulias do café de Chinitas en Málaga, que o mesmo Lorca deixaría plasmadas nos seus poemas e escritos. Ou aquel Café Gijón, ou Chicote, en Madrid, por onde pasaron artistas e personaxes de fama mundial, como Hemingway ou Greta Garbo. Tertulias que quedaron reflectidas na obra literaria dos máis grandes escritores do noso país, como fixo Cela na súa Colmena. O Café Novelty, en Salamanca, onde se reunían Unamuno, Ortega y Gasset ou Torrente Ballester. O Café Alameda, que albergaba a súa tertulia do Rinconcito, nas mesas de madeira con mármore branco e cadeiras de enea, onde non faltaba Manuel de Falla. E tantas outras.

Hoxe da noxo, vergoña e pavor, ver como todos e cada un de nós temos unha máis que formada e fundada opinión de todo, faltaría máis, somos mestres da nada, pero sen escoitar nin compartir, nin poñela en común con ninguén. Estamos convencidos do que pensamos pero carecemos de argumentario, non nos molestamos en contrastala con outros e, o que aínda resulta máis perigoso, non temos espírito crítico para discernir a verdade da mentira; velaí a razón do éxito das famosas fake news, novo americanismo que aceptamos como palabra de Deus e que, en definitiva, non é senón unha mentira mil veces repetida que remata por se converter nunha media verdade, nada novo baixo o sol, xa o demostrara o xenio da manipulación, o nazi Goebbels.

Pero, como di o refrán, non lle podemos pedir peras ao olmo, qué imos agardar do común dos mortais, cando vemos e escoitamos os/as tertulianos/as nos platós de televisión, falando de todo como se tal cousa, co donairo e a inconsciencia do que vive do espectáculo e non sabe de nada, salvo de vivir, moitos deles do conto.

Así imos todos, de cu e costa abaixo, sen freos e ao tolo, Deus!

Compartir el artículo

stats