Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os Camiños da Vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Na frente unha estrela

Marte, ensanguentado, que non palpebrexa, non é de quen se fala neste escrito. Referímonos a estrela que xa loce co nome de Rosalía de Castro, acompañada dun seu planeta agora nomeado Río Sar. Gostaríame moito que esta Rosalía de Castro fose un dos corpos celestes que mediu e calculou a miña querida prima Antonia Ferrín Moreiras, con matemáticas para min incomprensibeis e dentro do círculo sabio de don Ramón ía Aller. Curros, sempre profético, puxera xa unha estrela na testa gloriosa de Rosalía de Castro. E Castelao deseñou a estrela simbólica, vermella e de cinco puntas, xunta coa fouce de ouro, no emblema da Galicia Ceibe que non chegou a funcionar. Agora, Anova debe acentuar a potencia lumínica de tales estrelas. A de Rosalía, que ninguén poderá apagar e que está na espiral eterna da Galaxia. E a de Castelao, que tamén brillou en vermello na bandeira de combate do Batallón Galego do 5º Rexemento que mandou Ramón Esturao e que facía parte da Undécima División de Líster na Guerra de España. En canto a Manuel Antonio, el, na súa breve vida, quixo unha Central Galega de Traballadores que non chegou a funcionar pero que usaría o símbolo da Libertade, ou sexa a estrela de cinco puntas. Tamén arelou Manuel Antonio a República Galega. Manuel Antonio non soñaba co Apóstolo nin cos axeliños coma a dereita da Filgueira Valverte nin coa Swastika que ás veces se lle cruzaba pola magma subconsciente a algúns patriotas galegos desviados.

Falo daqueles que en 1936 estiveron en favor do Frente Popular porque el era laicista, republicano e marxista. E falo dos que hoxe rillaron coma couza para destruir En Maré. Acabo de ver nalgunha prensa, e de saber certamente, que Anova se volve afortalar e que mantén coma emblema patrio a estrela. Esa estrela Rosalía e esoutras estrelas Castelao e Manuel Antonio. Por unha parte, non hai posibilidade dun nacionalismo galego de dereitas ou neutral neste mundo que se escartela en porcións diversas, e para ben. Na multilateralidade que medra, o noso pobo ten que camiñar segundo o rumo que lle marca a estrela Rosalía, a do Frente Popular; na que se afinca, con teimosía de ferro, a memoria de Castelao e Bóveda. Por outra banda, o camiño que este humilde cronista percibe non será outra ca o da unidade popular do nacionalismo galego e das esquerdas federalistas. Só así poderemos dar un paso avante na apropiación de Galicia por ela mesma. Agora é a escultura de Asorei, "A Santa", a que exhorta, e no mesmo ventre do Gaiás, a liberarnos do xugo. A estrela, coa súa mensaxe unívoca, sempre estará aí.

Compartir el artículo

stats