O Foro E. Peinador vén de celebrar nos últimos quince días varios actos para galeguizar o ámbito empresarial, día si e día non, con gran presenza de público. Entregamos no Parlamento de Galicia os premios a varias empresas polo uso da lingua galega nas mensaxes publicitarias. Días despois en Lugo celebramos o Día da Galeguidade Empresarial, dedicado ao empresario Antonio Fernández López e a conmemoración do 95 aniversario do I Congreso de Economía de Galicia, nunha xornada con relatorios que foron do interese do público. Rematamos a semana no Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas, en Ourense, con outro acto que denominados Investidura de Galeguidade Empresarial na que os irmáns Enrique e Oscar Rodríguez Jorge, propietarios da empresa Rodríguez López Auto anunciaron o programa de galeguización das actividades empresariais. A partir de agora, entre outras medidas, as ambulancias que saen da empresa levarán pantallas táctiles en galego e tamén os manuais de instrucións.

A Asociación Álvaro das Casas que se engloba no colectivo Galeguizar Galicia, entregou o pasado sábado no Pazo dos Ulloa, que foi morada do egrexio galeguista en Santo André-Esposende (Ribadavia), os Premios Bacelos de Prata que recoñecen ás empresas que etiquetan os seus produtos en lingua galega facendo posible unha normalización efectiva do noso idioma alén dos usos literarios.

Desta volta os Bacelos de Prata foron para Queixerías Bama, S.L. da parroquia de Bama no concello de Touro e Adega Solaina Minei, S.L. do concello de Castrelo de Miño, e lle foron entregados tanto pola excelente calidade dos seus produtos como pola lingua utilizada nas súas etiquetas.

Queixerías Bama, S.L. é a maior queixería de Galicia e desde sempre esta empresa ten apostado polo uso da lingua galega como valor engadido do produto. O xurado que lle outorgou o premio valorou o esforzo que vén facendo conxuntamente coas universidades galegas na investigación das funcionalidades tecnolóxicas e saudables das distintas fontes proteicas.

A Adega Solaina Mineira, S.L., é unha sociedade agraria creada hai dez anos que recuperou un espazo practicamente abandonado e dividido en varios centos de parcelas, converténdoo nunha única viña de arredor de 30 hectáreas, a máis grande do Ribeiro. A empresa conxuga o labor asociativo e a difusión da imaxe utilizando unicamente a lingua galega na súa etiquetaxe e promoción.

A maiores, a Asociación Álvaro das Casas quixo este ano conceder dúas mencións honoríficas e recoñecer dese xeito o labor realizado pola Indicación Xeográfica Protexida Pan de Cea que abranxe a dezaseis fornos que producen 700.000 pezas anuais de pan que se venden en envases de papel etiquetados en galego e pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), organismo dedicado á mellora da calidade vitícola e á prevención e control de enfermidades da vide así como á recuperación das distintas castes autóctonas, todas cuestións que xa foron tratadas no I Congreso de Economía de Galicia do que este ano se cumpre o seu 95º aniversario.

Como sempre vimos facendo nestas e noutras épocas no acto fixemos un chamamento aos consumidores e consumidoras para que primen nas súas opcións de compras nestas festas do Nadal os produtos galegos etiquetados no noso idioma. O sábado, en Esposende-Ribadavia, na adega do Pazo onde se creou a U.C.R.A. e coa música da fadista María do Ceo que amenizou o acto de entrega dos Bacelos, degustáronse os produtos premiados. As portas do pazo estiveron abertas para aqueles que quixeron acompañarnos neste acto de galeguización do sector agroalimentario galego.

*Presidente do Foro E. Peinador