Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Good bye Piccadilly

Coa separación inglesa, a UE amosa a súa febleza. Xa non é o paradiso ideal que fabricaban con cálculo utilitarista os laboratorios imperiais, igual que en paralelo articulaban a NATO e outros organismos internacionais. A UE non estaba, como se difundiu en círculos de Cataluña, Galicia e Euskadi, para darlle a voz negada ás nacións pequenas e oprimidas de Occidente. Moitos inocentes acreditaron nesta estoria ben coñecida en Galicia pola predicación de Ramón Piñeiro. Por iso, a UE serviu para enfeblecer a URSS e Yugoslavia dándolle protección (moita) ás pequenas nacións do Leste a fin de ir arruinando o socialismo real segundo o plan Sakharov, pero esa mesma Europa non lle abre os brazos nin á Catalunya de Puigdemont nin a Escocia de Salmond e da súa sucesora: para nada.

Vén un tempo multilateral, no que o Imperio retrocede. E o Imperio está deixando caír a UE e tamén a OTAN. A parte da UE máis fiel ao Imperio é Inglaterra (non digamos xa Grande ou Gran Bretaña). Falemos da cabeza na que descansa a coroa e na cidade na que teñen o seu solar as Casas do Parlamento. O que ocorre é isto. Inglaterra, en boa avinza cos EE UU desde os días de Adams, sepárase. E faino, non para enguruñarse en si mesma. Inglaterra sepárase para avivar a Commwealth, comunidade de excolonias que ela mima e agarima estratéxicamene. Ao revés de España, que odia Cuba, Venezuela, Guiné Ecuatorial, con toda a inepcia de que son capaces as diversas camadas do corpo diplomático que se veñen sucedendo no Palacio de Santa Cruz desde 1898. Inglaterra revitalizará a súa propia Comunidade de Nacións, e neutralizará a vertente de algunhas, como a India, a confluencias euroasiáticas. Daralle folgos, digamos que a Dominica e outros estados insulares diminutos de Oceanía e Caribe para alonxalos do perigo chinés e do socialismo bolivariano, aínda que lle custe algo de diñeiro. Activará os seus propios espazos antigravitatorios de excepcións como as Illas Anglonormandas e a Illa de Man, tan soberana que até tén libra esterlina propia, e coa cara da raíña a ollar para outra banda. Gibraltar seguirá, cos seus macacos no Pedrón e os saudosos franquistas sen saber como odialo máis ca a Catalunya.

E toda esta reconstrucción do Imperio Británico pode producirse porque desde a independencia da India, ou desde a de Irlanda, Londres e os seus servizos secretos e non secretos estiveron traballando para que así ocorrese. Finalmente, Inglaterra, despois do mau soño que para ela representou a estancia temporal na Europa comunitaria, celebra o regreso do seu Imperio. Naturalmente en alianza co primeiro fillo que escolleu a emancipación, xa en 1776, e que non é outro ca EE UU. Inglaterra e EE UU, cos seus satélites e os seus escravos e subalternos, están formando un novo espazo político e económico nun mundo no que o vello Imperio se esborralla.

Compartir el artículo

stats