Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Vigo monumental

En tempos recentes, a cidade de Vigo botou abaixo o mal chamado edificio de Robira que constituía unha das marabillas da arquitectura galega contemporánea na mudanza do século XIX a XX na que se confonde o artesanato prodixioso dos pedreiros co bon facer dos arquitectos e cuns propietarios desexosos de prestixio e bos beneficios. A casa foi derrubada e no seu lugar erixiuse un ente arquitectónico invasor. O mesmo colexio de arquitectos fulminou unha das derradeiras casas abalconadas de principios do XIX e de estilo exclusivo vigués, o derradeiro bocado da muralla de Vigo e a sombra gloriosa en pedra do xornal de Portela Valladares, "El Pueblo Gallego". Antes foron caíndo unidades urbanas tan importantes como a estación do camiño de ferro. Cabe lembrar que o primeiro tren que correu a Ourense pola beira do Miño, e alí foi recibido cun poema imborrábel de Curros Enríquez, saíu da estación de Vigo, hoxe destruída con todas as beizóns dos gobernos municipal, galego e español.

Pero antes, cando a Transición aínda non callara, na cidade de Vigo consumouse a desfeita maior. Un castelo cuxas pedras gardaban a memoria de todos os episodios críticos da Idade Moderna, incluída a memoria infame de 1936, foi derrubado nunha das súas partes. Falo da destrución do Castelo de San Sebastián. Fixérono para erguer, en parte do asentamento do Castelo, o edificio mediocre que aloxa a actual casa consistorial. As igrexas e patrimonio medieval de Vigo carecen de protección adecuada. Falo só das románicas, en todo ou en parte, de Castrelos, Bembrive, Coruxo... Como saben, os arquivos constitúen a base da memoria. Todos os pobos civilizados envisten en arquivos, en bibliotecas e en museos porcións moi grosas dos orzamentos públicos.

En Vigo, por non haber, non hai nin arquiveiro municipal. O derradeiro que exerceu esa función foi Posada-Curros que, de vivir, ese que foi meu bon amigo, tería moito máis de cen anos. Os museos de Vigo son indefinidos, afásicos, inútiles, en boa parte, xa que descoñecen un plan e un destino para cada un. As bibliotecas públicas, contadas pola vella, non chegan a representar nin a metade das da Coruña. Iso si: a Cruz dos Caídos do Castro non se suprime. Segue en pé. No último pleno municipal, o PSOE e o PP votaron concordes en que a memoria histórica xa estaba satisfeita para sempre na cidade e que a Cruz dos Caídos seguirá para sempre sen caír. Este pleno, no que se cumprimentou unha escena inaugural da Gran Coalición, PP e PSOE derrotaron unha moción de Marea de Vigo, apoiada con enmendas polo BNG, no que se pedía a constitución dun organismo vigués que velase pola Memoria, especialmente reparador da das vítimas do franquismo.

Compartir el artículo

stats