Conta Herodoto que, no terceiro milenio a. C., o faraón Keops, impío e sanguinario, precisando diñeiro para construír a Gran Pirámide, que lle levou 20 anos, esixiulle á súa filla que se prostituíse. Obedecendo ela, chegou incluso a pedir a quen a visitaba a doazón dun bloque de pedra dunha tonelada e media. Unha pirámide formada por máis de dous millóns destas grandes pedras.

O 25 do XI é o Día Internacional contra a Violencia Sexista, porque nesa data de 1960, as irmás Mirabal foron torturadas e asasinadas na R. Dominicana pola ditadura de Trujillo. Mulleres de todo o mundo esixen políticas adecuadas e un compromiso social para acabar con esta lacra: abusos, agresións, violacións, trata, ablación xenital, matrimonios forzados, asasinatos, crimes de honor, lapidacións ... Un longo rosario de vexacións ao que sumar peores condicións laborais ou teitos de cristal. Unha reportaxe da BBC puxo de manifesto como clérigos sunnitas e xiítas autorizan ós homes a ter relacións sexuais temporais con mulleres e nenas maiores de 9 anos en situación vulnerable, a cambio de diñeiro. Piden, no caso das nenas, non desposuílas da virxindade para que poidan ser vendidas posteriormente, someténdoas durante anos a un abuso continuado que lles pisa a súa dignidade. Baixo un matrimonio temporal, homes poderosos, sobre todo, poden aproveitarse de mulleres que consideran máis limpas que as que foron empurradas a prostituírse, durante o tempo que queiran, para despois abandonalas á súa sorte cando se cansan delas. Unha práctica indigna que especialmente afecta a nenas e mulleres en campamentos de refuxiados.

Está lonxe o tempo en que o faraón Keops someteu á súa propia filla á indignidade de prostituírse, e ao longo da historia foron incesantes as vexacións a mulleres e nenas polo feito de ser muller, chegando ata hoxe. Non se pode esperar máis. O problema máis importante que ten hoxe diante a humanidade, para que a sociedade se poida definir como xusta, é alcanzar a igualdade real e efectiva entre homes e mulleres. Cuestión sen a que non será doado acabar coas vexacións e crimes sufridos por elas e que perduran no tempo. Algo que hai que afrontar decididamente desde os Gobernos, institucións e desde a mesma sociedade con iniciativas múltiples. Emociona ver as marchas reivindicativas de mulleres, na seguridade de que nos traerán un mundo mellor.