Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

A Galerna

Forzas escuras queren borrar a palabra "galerna" da linguaxe xornalística. Da realidade dos diccionarios non poden. Hoxe 26 de novembro de 2019, miro os xornais galegos e vexo neles as desfeitas que produciu a galerna. A saber. Un submariño dedicado ao tráfico de drogas foise ao fondo. Seica fuxiu un tripulante a nado, sen medo á galerna: "Dio-lo guíe con ben", como dicía o poeta. Os grandes criminais da droga están ben a salvo. Un mercante gaseiro, como é hábito, bateu, debido á galerna, contra os penedos. Esta vez ao abeiro da ría de Ares. Alí o está, concitando o Prestige, o Urquiela, o Policommander, o Cason na memoria colectiva. A galerna sobre o mar exerce as súas potencias. Un bote mínimo é abordado de proa por un buque escola da Mariña de Guerra Española. O bote, seica de madeira, fendeu ao medio.

De pronto, a opinión pública descobre que existe en España un Buque Escola da Armada que non é o "Juan Sebastián Elcano", famosísimo. Este, éranos descoñecido. E temos dereito a saber qué buques de guerra pagamos os galegos que imos lamentar accidentes de mariñeiros populares cuxos barcos son abordados por barcos de guerra comandados por imperitos. Un barco nas pedras, un afundimento, unha abordaxe con graves danos. Veleiquí tres casos prácticos de dereito marítimo para dilucidar os cales este cronista non se acha capacitado. Cada vez que vén tal somblante do tempo.

En Galicia pasan estas cousas e máis outras piores. Os agoiros da ideoloxía dominante anuncian sen parar unha calma chicha universal climática que vai transformar o mundo en caldo. A sepultura antropomórfica, chamada de Crego, en Ons, avisa de que houbo tempos, non tan lontanos, nos que a maré non chegaba ao sartego. Velaí os marcadores arqueolóxicos da mudanza climática que non son divulgados nos medios alarmistas. Quixeron suprimir a galerna. A palabra bretoa, tan eufónica. Ela aparece nos nosos grandes textos renacentistas. Camões, no ton dos seus mestres toscanos, escribe que galerna é un vento doce. Faino n'Os Lusíadas. "Assopra-lhe galerno o vento, e brando...".

En realidade, a orixe da palabra galerna é bretoa: "givalern". Ou sexa o vento Nornoroeste rexo que conmociona as nosas costas atlánticas e produce estragos e desastres na navigación. Na miña xuventude viguesa, a galerna metía medo. Amarrábanse os barcos de pesca e o comandante de Mariña suprimía o tráfico de pasaxeiros con Cangas e Moaña. Eu acho a menos que a palabra galerna desaparecese dos medios de comunicación e dos partes meteorolóxicos. Iso ocorreu, máis Galerna, irritada, acaba de amosar a forza que tén e, mesmo deixou en ridículo estes días atrás un Buque Escola da Armada Española. Pasan pola nosa cabeza as pantasmas de "Madera de Boj" once Cela pasou revista ás galernas e catástrofes da Costa da Morte.

Compartir el artículo

stats