Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Bragado.

Campo de Granada

Manuel Bragado

Un nadal para o galego

Dun orzamento de 267 millóns, cada cen euros gastados polo concello de Vigo apenas 9 céntimos van dirixidos ao futuro do galego

Entre a apoteose da inauguración da iluminación de Nadal do sábado, non me pasou desapercibida a utilización das linguas que fixo nas súas intervencións Abel Caballero. Non me sorprendeu nin o emprego in extenso dun inglés fluído, lingua oral adquirida nos seus anos de mestrado e doutoramento nas universidades de Essex e Cambridge, nin tampouco a ausencia do galego, lingua que tampouco estaba presente no texto VIGO, onde vive o Nadal do espazo para as fotos e autorretratos da praza da farola, anunciado polo alcalde o día anterior. Ausencia da nosa lingua propia en intervencións institucionais, seguidas por milleiros de persoas nas rúas viguesas e nas redes sociais, que sabemos é intencionada para o rexedor vigués, hoxe xa unha figura de éxito en España, recoñecida na comunicación viral e no humor televisivo.

Unha escolla lingüística pouco satisfactoria co establecido pola vixente Ordenanza de Normalización Lingüística (ONL), aprobada por unanimidade da corporación, o 8 de novembro de 1988, que establece no seu artigo I.1 que "o galego, como lingua propia de Galicia é o idioma oficial do concello de Vigo", e no artigo XI que "os cargos do concello expresaranse normalmente en galego nos actos públicos celebrados en Galicia, sempre que a intervención sexa por razón do propio cargo". Sen esquecer o establecido no artigo X referido ás publicacións editadas polo concello e ás campañas de divulgación e publicidade, que se "realizarán en lingua galega".

Nun acto institucional multitudinario, onde se fixo publicidade dun produto de ficción infantil dunha poderosa empresa audiovisual estadounidense, interpreto a ausencia de uso do galego como expresión dos prexuízos lingüísticos do actual equipo de goberno, o que menos utiliza a lingua nosa dende o primeiro mandato democrático. Prexuízos que xa fixeran explícitos no anterior, cando en 2016 a maioría socialista modificou só cos seus votos o Regulamento do Pleno de xeito que nos seus debates se utilizase tamén o castelán, quizais pretendendo xustificar así o comportamento dalgúns dos seus membros que nunca empregan o galego. Prexuízos, como grosas lentes de confusión, que reducen o emprego ritual do galego aos eidos da cultura ou a algúns espazos do periurbano, tratando de diferenciarse ou distanciarse así das opcións políticas nacionalistas.

Este desinterese actual polo cambio das actitudes e pola desaparición dos "complexos lingüísticos presentes na nosa sociedade", razóns nas que se baseou a aprobación da citada Ordenanza de 1988, sendo alcalde Manuel Soto, amósase nos propios orzamentos municipais para o vindeiro ano, nos que se destinan arredor de 250.000 euros para o programa de Normalización Lingüística, dun orzamento total de 267 millóns de euros, o que facendo contas supón que de cada cen euros gastados polo concello de Vigo apenas 9 céntimos van dirixidos ao futuro do galego. Unha cantidade pequena, máis aínda cando sabemos do estado de saúde tan precaria do galego en Vigo, que segundo a enquisa máis recente do IGI apenas utiliza de forma a habitual o 15,20 % da veciñanza, a porcentaxe máis baixa das cidades galegas.

Unha situación preocupante, que sen menoscabo da necesidade de incrementar a achega orzamentaria para reforzar as iniciativas e as actividades do Servizo Municipal de Normalización Lingüística, obriga a recuperar a estratexia compartida, semellante a que levou hai trinta anos a aprobación da ONL, para o seu fomento por parte de todas as forzas políticas e colectivos sociais e cívicos, hoxe presentes no Consello Social da Lingua. Unha estratexia onde os responsables políticos asumen que a súa actitude xenerosa no emprego preferente do galego nas súas intervencións públicas contribúe a desfacer prexuízos e a crear novos referentes de uso en contextos diversos. Unha actitude proactiva, que non custa cartos, máis que ten un valor extraordinario para preservar o patrimonio mías valioso de toda a veciñanza e para preservar e proxectar a lingua galega nas novas xeracións.

No actual entorno plurilingüe, o galego debería recuperar o seu carácter de lingua referencial para os responsables municipais, sen menoscabo da utilización do castelán, do inglés e do portugués, unha das lingua máis habituais das persoas que nos visitan nos días de Nadal. Como tamén é de xustiza que no marco desta desproporcionada apoteose de contaminación luminosa, nora, mercadiños en xardíns históricos e outras trangalladas propias dunha cidade convertida en parque temático, que o concello de Vigo contribúa en igual medida a preservar a memoria do nadal tradicional galego, a súa música, gastronomía e folclore, que corren o risco de quedar enterradas na irrelevancia da "reserva galeguista".

Compartir el artículo

stats