Certamente, non ha de ser este modesto cronista quen lles leve a contraria aos moitos entendidos na cuestión; xa que logo, non se me vaia alporizar ningún de entre Vdes., sempre moi amables lectores, polo que a continuación segue. Así pois, non vou entrar en calquera caso a discutir as razóns polo cales D. Nicolás Olea, ilustre catedrático de Medicina en exercicio na Universidade de Granada, vén de explicar urbi et orbi que as administracións públicas de España, arquipiélagos, prazas de soberanía e Perejil adxuntos levan vinte anos de retraso no tocante a advertirnos a todos/as os españolitos respecto dos diversos perigos derivados de que os nosos descendentes consuman atún -e bonito- e peixe espada antes de alcanzaren a doce idade dos dez anos de vida. Porque acontece -sempre segundo o Sr. Olea, quen vén de comunicar tal cousa nunha entrevista realizada por un importante medio de comunicación radicado nos Madriles- que os peixes citados, e tamén aínda esoutros como a quenlla, o cazón, o melgacho, a zapata?, conteñen unha cantidade de mercurio tal que para si a quixeran aquelas minas de Almadén das nosas clases adolescenctes de xeografía. Polo tanto, e para maior ledicia dos raparigos/as -na súa maioría, e tal e como a imperecedeira Mafalda, inimigos declarados de manducaren peixe; un servidor, porén e sempre coas minorías, devén devoto dos tales desde o berce, raro, raro, raro que ando polo mundo adiante-, toda aquela historia de que contiñan "colesterol do bo" ha de pasar decididamente ao cubo do lixo. En fin, e arreo coa xenial heroína, non será, se cadra, que esta vida moderna vai ter moito máis de moderna que de vida?

Porque non se trata tan só do peixe, non vaian pensar Vdes -e como se xa non fose pouca, cago en Yanis Varoufakis e mais na Acrópole!, aquela ameaza grega do anisakis-; antes ben, e por continuarmos apenas nas declaracións do catedrático granaíno, acontece que todas as caixeiras dos supermecados están, seica, en contacto diario cos disruptores endocronicos. Ou o que vén ser o mesmo: viven en relación cotiá con algo que pode afectar á súa fertilidade. En fin, como se neste país non botásemos de menos bautizos e primeiras comuñóns! Disruptores, ou terminators -e que máis ten?- que afectan asemade os envases de leite, zumes, auga? cento e un utensilios para comer. O que se di/escribe de contado: unha pura e dura desfeita.

A Apocalypse now, daquela? Aínda ben que vimos habitar onde habitamos. Porque neste país de países, tribo de tribos e 155 á vista?, todos temos un cuñado/a. -tranquilos: todos temos medos: medo aos cuñados, a atoparmos con Iker Jiménez no máis alá, a un veciño difícil que, seica, vota a Vox?- que, se ben se non resulta ser catedrático da Universidade de Granada, de certo que imparte aulas nalgunha desoutras de Puebla de Don Rodrigo, Calasparra, Santa Coloma de Farners, Markina-Xemein?. ou Ponte Caldelas. "Mira, tío, o que eu che diga: o ghicho ese dirá o que lle pete, pero eu sei de primeira man que iso do mercurio e mais o peixe espada?"

"É que agora, a xente non come natural -foi engadir, vox pópuli, o/a veciño/a do quinto-. Non hai máis que mirar os vellos e mais as vellas de antes (sobre todo as vellas): esa xente si que sabía alimentarse ben e non como agora, que todo é pura química, conservantes e demais metralla. Tanta democracia, tanta democracia!; e total para que?". Desde logo, cómpre convirmos que algunha razón si que levan os que tal opinan: velaí, por exemplo, Cainán, que chegou aos 910. Ou o seu fillo Mahalaleel, que durou até os 895. Enós, fillo de Set, foi cumprir da súa parte os 905. En fin, Matusalén -fillo de Enoc, pai de Lamec e avó de Noé- tan só pasou a mellor vida -un par de "chupitos" do ron que leva o seu nome sempre detrás das comidas, para facer como lle cómpre a dixestión- logo de ter acadado os 969 outonos. "Que onde é que vén figurar iso? -atrévese a preguntar, entón, algún impío, volteriano e revolté- "Pois, amigo, nin máis nin menos que na Biblia"."E en ningún outro sitio máis?", retruca aínda. "Mire vostede, meu: se outros libros veñen coincidir co que pon no libro sagrado? para que os necesitamos? E se outros libros non veñen coincidir co que está escrito na Biblia? para que os necesitamos así mesmo?"

Un día foron as vacas -toliñas que andaban, coitadas!-; outro máis dixéronos das galiñas, dos porcos e dos coellos. Glucosa, colesterol, hemoglobina, triglicéridos? Xa levan un tempo coa cousa dos peixes. Canto á froita e mais as verduras, todo está derramado, seica, por mor dos pesticidas e demais. Bruceloses, leptospiroses e salmoneloses mil agardan agachadas no medio e medio dos lácteos. En fin, aló vostede, pero esa caña de cervexa?; como é que lle vai o "tema" das taxaminasas? E non obstante?

Non obstante -e segundo os datos das Nacións Unidas-, e mentres por estes eidos andamos como andamos, 820 millóns de seres humanos están en perigo por causa da fame.De acordo agora con Unicef e a Organización Mundial da Saúde, máis de 6 millóns de nenos morreron o ano pasado por causa diso mesmo. Sinceramente, cantos deles chegaron a probar os túnidos?

O vello adaxio latino explicaba aquilo de "fabas indulcet fames" ("a fame fai doces as fabas"). "Os touros, entón?". Da súa parte, xa explicou no seu día Manuel García Cuesta, "El Espartero", que "más cornás da el hambre".