Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Bragado.

Campo de Granada

Manuel Bragado

O banco dos contos

Con motivo da presentación do meu libro, "Vigo, puro milagre" (Xerais 2019), no que escolmo setenta e cinco artigos de "Campo de Granada", que despois de vinte anos de publicación semanal ininterrompida nas xenerosas páxinas de FARO DE VIGO chegan con este de hoxe ao número 1.000, preguntáronme en varias ocasións sobre a orixe do topónimo utilizado como epígrafe destas crónicas. E como explico no adral do libro, escollín o sintagma "Campo de Granada" por ser ese o nome que dende o século XIX recibe o espazo existente entre o barrio alto do Vigo vello e o pé do monte do Castro, onde dende 1976 está instalada a casa do concello de Vigo e a praza entre as avenidas de Venezuela e das Camelias.

Un espazo localizado polo arquitecto Xaime Garrido no seu plano do Vigo amurallado de arredores da metade do século XIX, a súa extraordinaria obra póstuma, arredor do Paseo de Granada, rúa aínda existente, trazada dende a Porta do Pracer, que dividía o territorio existente ao pé do castelo de San Sebastián e os seus baluartes do Socorro e San Ramón, hoxe desaparecidos. Un paseo en liña recta que remataba á dereita no Campo de Granada de Arriba, que conducía ao arrabalde da Falperra, delimitado pola rúa de Santiago e pola fonte nova do Romil ou da Falperra, é á esquerda ao Campo de Granada de Abaixo, un espazo moito máis amplo, de considerable arborado noble delimitado pola rúa Pracer de Afora.

Explanada que recibiu o nome de Campo de Granada por ser alí onde practicaba unha gornición militar dese nome, onde se celebraron moitos desfiles e concentracións populares. Un espazo primixenio de civilidade, no que se organizaron concertos, actos políticos (como aquel famoso mitin agrarista no que interveu Basilio Álvarez), e outras concentracións, como a formación de comitivas do Entroido que finalizaban no ensanche da Alameda, como relata Xosé María Álvarez Blázquez nalgunhas das entradas do seu libro "A cidade e os días" (Monterrey 1960, Xerais 2008). Campo de Granada, que é tamén o campo vigués da feira, como testemuñan as fotos de Pacheco, onde acudían as mulleres das parroquias do Val do Fragoso a vender os seus produtos de horta e os tratantes de gando a pechar os seus acordos. Campo de Granada onde estaba "o banco dos contos", unha longa bancada de pedra, onde se di que os tratantes e feirantas contaban os cartos, ao pé do fielato, lugar onde se pagaban arbitrios municipais á saída da cidade. Banco dos contos ou das contas por ventura recuperado cos perpiaños instalados no inicio da rúa Abeleira Menéndez, como testemuña dunha cidade hibridada entre as terras vizosas do Val do Fragoso e as brétemas frecuentes do anfiteatro da ría.

Campo de Granada que xa se pode identificar na fotografía máis antiga coñecida de Vigo, tirada en 1867, probablemente por un fotógrafo inglés (Felipe Prósperi Cortechi non chegaría a Vigo até 1870). Foto onde ao pé da muralla da Nosa Señora do Castro aparece unha chairiña arborada onde conflúen a dobre hélice do ADN vigués, o suco do Vigo vello desenvolto a partir da primixenia cidade portuaria das praias do Berbés e do Areal, e o suco das agras vizosas das parroquias do Fragoso. Unha hibridación urbana moi afortunada sobre un territorio privilexiado no que se foi despregando unha cidade portuaria atlántica granítica de carácter policéntrico, o famoso "Vigo en bisbarra", ao que se refería xa Otero Pedrayo na súa "Guía de Galicia" (Espasa Calpe, 1926), volcán do dinamismo industrial, demográfico, educativo e cultural que, a pesar de non contar con outra institución ca local, a fixo cifra e líder da Galicia contemporánea ao longo do século XX.

Desbotada a viabilidade do proxecto de Rafael Moneo, anunciado en 2009, que suporía o derrube dos edificios actuais do concello e da Xerencia de Urbanismo, a reforma máis humilde da Praza do Rei para unila co Castro anunciada polo alcalde Abel Caballero é unha oportunidade única para recuperar o primixenio Campo de Granada e conectar directamente como noutrora o Vigo vello coa aba do Castro. Unha reforma que debería ser capaz de crear unha pequena zona de arborado ao pé da casa do concello, ao tempo que integrar a nova praza na recuperación da muralla de San Sebastián, onde existe xa unha interesante zona verde, e na rehabilitación dos silos da Panificadora e os edificios anexos onde, despois de corenta anos de vergonzoso deterioro, a Zona Franca anuncia a creación dun Centro Gastronómico e outros usos socio-comunitarios en convenio co concello. Proxectos urbanísticos, ambos os dous de transcendencia histórica, que merecerían a súa exposición pública para así poder ser enriquecidos polas suxestións da cidadanía, o que sen dúbida axudaría a recuperar por fin o conxunto do Campo de Granada, un espazo tan emblemático coma hoxe degradado do noso centro urbano.

stylename="070_TXT_inf_01"> bretemas@gmail.com

Compartir el artículo

stats