Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

OPINIÓN

Máis fragmentación, igual dificultade de goberno

En tan só catro anos os españois fomos chamados as urnas en catro ocasións (sen contar eleccións europeas, autonómicas e locais): no 2015, 2016 e por dúas veces en 2019. Neste tempo, o mapa parlamentario cambiou de xeito notable. Así, pasouse dun sistema partidista de tan só dúas formacións maiores: dende finais dos anos noventa e ata 2011 o PP e o PSOE aglutinaron máis do 85 por cento dos escanos do Congreso dos Deputados; a un sistema verdadeiramente fragmentado. Dende 2015 son catro os partidos maiores de ámbito nacional: PP, PSOE, Podemos e Ciudadanos e, dende 2019, son xa cinco, grazas á inclusión de Vox.

Esta atomización partidista puxo a proba a capacidade dos políticos para chegar a acordos. Si ben noutros niveis de goberno as forzas políticas teñen unha longa tradición de formar gobernos de coalición, a nivel nacional, nunca se deu o caso dun goberno formado por dous partidos. De feito, xunto con Chipre, que ten un sistema totalmente bipartidista, España é o único país europeo onde non se produciu ao longo da súa historia democrática un goberno destas características. Tal é a incapacidade dos políticos para formar maiorías estables que, nos últimos anos, España uniuse a lista de países (xunto con Bélxica ou Italia) que destaca por estar máis días sen ter un Goberno e que, polo tanto, operan con un executivo en funcións.

A esta fragmentación partidista e a incapacidade de formar goberno, uniuse, ademais, un aumento considerable da polarización electoral, coa irrupción de Vox (cun discurso anti-inmigración e nativista) e coa relevancia do conflito territorial catalán como división maior entre os partidos e os votantes. Con todo, as revalidas electorais de novembro de 2019, despois de que Pedro Sánchez e Pablo Iglesias non acadasen un acordo de goberno, deixan un escenario igualmente preocupante.

A relativa desmobilización electoral, a baixada de varios puntos da participación con respecto as eleccións de abril, non supón, nin moito menos, unha baixada destacable, sobre todo se temos en conta a fatiga electoral dos votantes. Deste xeito, o porcentaxe de votos non parece ter unha relación directa cos resultados. Desta volta, os españois volveron a deixalo claro: é preciso que as formacións se poña de acordo e teñan altura de miras. Dito de outra forma, non sumando ningún dos bloques de partidos é necesario que, ademais da configuración dun goberno sólido, a oposición permita que a investidura saia adiante e, durante a lexislatura, que verdadeiramente o Parlamento cumpra a súa función. As eleccións constatan que a reválida serviu para: 1) que o PP se recuperase do duro golpe de abril (onde só acadou 66 escanos); 2) que Vox, impulsado pola cuestión territorial, consiga un resultado electoral moi inesperado; 3) que Ciudadanos sexa o gran damnificado destes comicios e 4) que Unidas Podemos conta cunha base electoral consolidada, que lle permite ter capacidade de chantaxe para a formación de Goberno.

En fin, a espera de que algúns dos escanos poidan moverse, tendo en conta o voto que ven do estranxeiro, todo apunta a que, agora máis que nunca, e preciso que os políticos fagan política e non volvan a pedir aos electores que vaian ás urnas para crear maiorías parlamentarias coas que, xa fai ben tempo, parece estar claro que os españois non queren contar.

*Doutor en Ciencia Política pola Universidad Autónoma de Madrid

Compartir el artículo

stats