Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Tribuna libre

Populismo caritativo

O populismo é unha tendencia política fundamentada en estratexias atractivas para o pobo pero cun forte compoñente manipulador e demagóxico. En América Latina, este movemento callou fondo, debido en gran medida a que a pobreza na que vivían as persoas deses países dotou ao populismo da capacidade de artellar un modelo económico e social alterno ao existente. É dicir, nace a consecuencia do impacto social que deixa o liberalismo e a ausencia do Estado como garante dos dereitos e necesidades máis elementais da cidadanía.

Centrándonos no seu discurso, atopamos con que o líder convértese no defensor dos máis pobres e necesitados, ofrecéndolles loitar polos seus dereitos e benestar. Pero o certo, a realidade, é que os índices de pobreza onde se instaurou este sistema político empeoraron, medraron e incluso se multiplicaron. Como di algún autor, "o populismo ama tanto aos pobres que precisa multiplicalos para soster a súa existencia como proxecto político". O seu tipo de liderado é o seu rasgo distintivo: é persoal antes que institucional, emotivo antes que racional, unanimista antes que pluralista.

En Deza temos de todo, e por suposto non podían faltar os caudillos populistas...

En Dozón danse axudas para mercar material escolar aos nenos dende o peto particular do alcalde, do seu pecuniario. Iso si, o concello de Dozón ten os índices de riqueza per cápita máis baixos da provincia e algo terá que ver un alcalde que leva gobernando 32 anos e non foi capaz de reverter a situación socioeconómica da veciñanza.

En Vila de Cruces o alcalde vai polas festas pagando todo, e a todos, o que hai na barra do bar da comisión, segundo apuntan testemuñas presenciais...

En Agolada, quen máis churrasco pon na campaña... máis votos leva. As eleccións gañanse por churrasco, non por proxectos políticos (bueno, ao mellor o churrasco é un proxecto político, e polo que parece dos bos, para acadar o poder).

Neste mesmo concello de Agolada, o alcalde, recén elixido, mercaba unha cociña, sufragada do seu pecuniario, para a casa dunha persoa que seica a precisaba. Nin agardou a que os servizos sociais do concello, responsables técnicos de valorar tal cousa, fixeran amago de solución. Suponse que un concello que funcione axeitadamente e acorde ás súas competencias, valora as necesidades da veciñanza e acode ao seu rescate sufragando as súas necesidades básicas. Para iso está o alcalde e para iso pagamos impostos..

Tamén dende as pasadas eleccións municipais é costume dende o concello de Agolada enviarlle un ramo de flores valorado en 50 euros a cada persoa falecida. Suponse para aliviar á familia as penas do pasamento da persoa querida... Ao ritmo anual de falecementos en Agolada o importe ascende aproximadamente a cinco mil euros ao ano. Unha cifra que ben se podería empregar noutros mesteres máis produtivos, por exemplo, en educación e cultura. Total as flores aos quince días están murchas e a educación e a cultura permanecen, a non ser que se queira compensar algunha "vixilancia policial que seica se ía facer en bicicleta". Por certo, xa lle anuncio dende aquí ás autoridades municipais que no caso da miña persoa, de darse a situación, aforren o gasto, que non son moi de flores de defuntos. De precisar axuda, que mo fagan en vida, xa que "polbo son... e en polbo me converterei".

Neste tempo de tuits e calumnias diversas... de postverdades varias, o caso é intentar quedar ben co respectable, cal programa de entretemento de tv, e facer que se fai... aparentar. Pero unha cousa é criticar en campaña e outra dar trigo despois. E, como ben alertamos algúns hai tempo, onde non hai proxecto político... qué queredes que vos diga.

*Historiador e veciño de Agolada

Compartir el artículo

stats