Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Tribuna libre

Velar de día e descansar de noite

O nacemento e a defunción son os dous acontecementos máis importantes na vida de todas as persoas. Son sucesos irremediables, a miúdo impredicibles e sempre narrados por outros. Cada cultura ten as súas propias formas de afrontar a morte e tamén de despedir aos membros da súa comunidade cando embarcan para o máis alá. Neste sentido, Galicia é vista como un lugar brumoso, no que as meigas, as lendas e as supersticións se mesturan coa realidade. Un lugar no que a liña entre o mundo dos vivos e o dos mortos se dilúe. Onde a morte é vista coma un tránsito a un lugar indescritible pero real e que, ás veces, se mostra mesturado coa dimensión do mundo dos vivos, podendo mesmo ocasionar problemas a estes.

A importancia que tiña -ata non hai moito- a morte nestas terras, facía que a vida adquirise unha naturalidade derivada da continuidade da vida máis alá da morte, mostrándose na tradicional preocupación que se tiña pola alma do defunto, na vida rural.

Ata ben entrada a primeira década do século XXI, máis da metade da poboación de Ourense residía en municipios rurais, o que contribuíu notablemente á conservación dalgunhas tradicións xa debilitadas en lugares máis urbanizados de Galicia. Con todo, foron moitos os aspectos que mudaron nos últimos anos en torno á maneira de vivir a morte, como o progresivo cambio que se deu en torno ao lugar elixido para velar os finados. Poucas son, actualmente, as familias que deciden velar os seus defuntos no domicilio familiar. Nalgúns casos, a adaptación da organización interior das vivendas rurais ás necesidades que trouxo consigo a evolución da sociedade, fixo desaparecer a tradicional sala ou habitación de respecto que se utilizaba para celebrar os velorios, polo que non quedou máis remedio que utilizar as alternativas existentes. Mais para o caso daquelas vivendas que conservaban dita estancia, o poder dispoñer doutro lugar especificamente acondicionado e listo para usar, eximía ás familias de todos os traballos que supoñía preparar o velorio na casa, traballos que consistían en acondicionar e apuntalar o piso da casa para que puidese soportar o peso das persoas que acudían aos rezos, sacar o mobiliario innecesario para ampliar o espazo dispoñible, asegurar as reservas de leña para manter o lume aceso día e noite ou cociñar para os asistentes máis achegados, incluso ata despois de celebrado o enterro. A comodidade que supoñía e supón poder velar os defuntos fóra da casa pero nun lugar próximo -moitas veces na mesma aldea ou na mesma parroquia-, converteu a tradición nun feito cada vez máis inusitado.

Estes cambios ocorreron á par dunha crecente ampliación e especialización na oferta dos servizos funerarios, contribuíndo a que o foco de atención se fose situando máis sobre os familiares directos e non tanto sobre o propio finado. Pois a oferta dos servizos está centrada no confort dos vivos, que xa non teñen a necesidade de preocuparse de máis nada que de velar os seus defuntos, abandonando tamén a realización de todas aquelas tarefas de preparación do finado que implicaban un contacto directo co seu corpo. Isto, sumado á disposición do espazo interior dos modernos velatorios, nos que os límites da vida e a morte están separados por unha cristaleira, fai que a morte sexa afrontada dende un certo distanciamento. Hoxe, o primeiro achegamento dos máis novos ao tema da morte non o constitúe nin o ciclo de vida dos animais, nin a liturxia, nin os contos da Santa Compaña contados ao pé da lareira, nin os velorios na casa. No rural de hoxe a morte vívese de forma máis parecida a como se vive nas cidades, asimílase de forma diferente e trocouse o ir ao rezo por ir acompañar á familia. Ademais, ao deixar en mans doutras persoas todos os procesos necesarios ata o momento do enterro e ao comezar a deixar de velar os defuntos durante as noites en favor do descanso dos familiares, o proceso desnaturalizouse e volveuse máis práctico e subxectivamente máis rápido.

O que actualmente se conserva da tradición son aspectos concretos, peculiaridades culturais da vida en comunidade, como a afluencia de asistentes aos velorios e aos enterros e tamén a forma de expresar -cara a fóra- o afecto que se ten polo defunto, mediante a elección do cadaleito ou a cantidade de flores. Pasado o funeral e durante o primeiro ano, a parroquia conserva xestos de rigoroso respecto cara á familia do finado durante os días de festa, como indicar aos músicos que non toquen durante as alboradas diante das casas onde houbo defuntos. Salvo todo iso, e máis a celebración de cabodanos e algunha misa puntual que se encargue durante o ano, os máis novos desenténdensen dos asuntos relixiosos que envolven a morte e o máis alá. E non falemos de asistir a novenas e, moito menos, a trintanarios.

(*)Sociologa

Compartir el artículo

stats