Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

España vertebrada

Cando este, seu, cronista era novo e -dito/escrito vaia con licenza do mago García Márquez- non sei se feliz, pero si máis indocumentado aínda, houbo quen me explicou a diferenza entre aquilo que veñen aseverar, respectivamente, nacionalistas e marxistas respecto dos termos "pobo" e/ou "nación". Xa que logo, e se mal non lembro, acontece que, para os primeiros, o pobo devén a nación. Deste xeito, dita entidade constitúe un todo inamobible que indentifica, define e diferencia ese mesmo organismo desoutros que veñen conformar outros pobo-nación. En fin, as características que alicerzan semellante analoxía non se amosan accidentais en ningún caso.

Para o marxismo, porén, e toda vez que o único propio dos seres humanos reside na súa capacidade para transformar a natureza en beneficio das súas necesidades, non existen pobos esencialmente diferentes doutros. Mentres para un nacionalista, liberar o pobo significa desvencellalo desoutra nación opresora, os marxistas consideran que a liberación real consiste en romper a dependencia coa minoría opresora (veña resultar esta allea e/ou propia) que cimenta e fomenta as diverxencias sociais. Ou o que vén ser o mesmo: marxistas e nacionalistas só poden entrar de veras en alianza cando o nacionalismo devén de esquerdas. No noso roman paladino: é posible aquí dita avinza toda vez que as clases populares galegas, se buscan a súa verdadeira emancipación, han de quebrar as cadeas de dependencia con esoutra clase opresora, non só formada por xentes de fóra do país senón aínda por naturais do mesmo, cómplices da iniquidade.

Andan, daquela, a manifestarse, cortan as estradas, ocupan os aeroportos? os mozos e mozas de Cataluña por causa do paro persistente e/ou da degradación das condicións de traballo que padecen? Levantan barricadas nas rúas como airada protesta diante da actual conxuntura en que viven a Sanidade e demais servizos por terras catalás adiante? Están a solidarizarse, se cadra, coa defensa do dereito a exercer as súas facultades espirituais por parte do proletariado do Baix Llobregat? É que acaso atoparon desmanteladas as escolas, pechados os xornais e mais as emisoras de radio e tv. que utilizan a diario o idioma catalán? Explicoulle alguén arredor de cando Jordi Pujol e Juan Carlos de Borbón compartían mesa e mantel en Baqueira Beret?

"¡A por ellos, oé; a por ellos,oé!" Sen dúbida -o universo gosta dos paradoxos-, o grande aliado dunha perspectiva tal non vén ser agora mesmo senón aqueloutro nacionalismo, español, a proclamar arreo que todas as desgrazas, a causa última da nosa penuria ten procedencia certa na deserción traidora que se foi facer dona das prazas e avenidas de Barcelona. De aí que para os seus militantes máis extremosos, a sentenza do Tribunal Supremo aparente apenas unha reprimenda a un fillo/a díscolo. Antes ben, a verdadeira xustiza debería executarse ao amañecer e sen anestesia. Estamos a falar dun nacionalismo -de dereitas, claro é- que, ademais, usurpou e usurpa, espoliou e espolia para si calquera concepto de españolidade. Un nacionalismo disposto a declararlle a guerra aos nacionalismos alleos pero tamén a todos os seus concidadán disidentes.

Atrapado, enclaustrado, polo visto, entre ambos discursos -agora mesmo a ocuparen case por completo o centro de calquera debate-, o pensamento democrático-progresista móstrase incapaz de reaccionar cun mínimo de cordura. Así, mentres algúns permanecen instalados nunha sorte de nube paradisíaca -desde a cal os acontecementos vividos en outubro do 2017 deveñen contemplados apenas, para alén de calquera legalidade, como unha especulación rideira e feliz-, outro certo número coida atopar na persistencia do culto á momia de Franco o argumento senlleiro para validaren a Carles Puigdemont e mais os seus como auténticos campións da democracia, valedores incontestables, seica, do progresismo social. Unha esquerda, xa que logo, incapaz de artellar unha resposta de seu, alucinada polos efectos lixérsicos do "dererito a dedicir". Un esquerda en retirada. Pero non.

Porque acontece que, agora máis que nunca, tan só unha forza de progreso pode ser quen de levar a cabo a pedagoxia que estamos a precisar como auga de maio: isto é, explicar alto e forte a necesidade da persistencia da unidade española -é dicir, dos progresismos de España e aínda de Portugal- como verdadeiro antídoto eficaz que poña freo tanto aos demos do fratricidio como á ameaza real -e tanto que o é!- dun neofascismo emerxente que está a petar ás portas decote. Unha opción que, pisando con firmeza, deseñe de vez un compromiso federal sólido que poida asegurar, ao tempo, o desenvolvemento das lexítimas singularidades pero tamén a igualdade en dereitos/obrigas de todos os cidadáns. Unha esquerda, pois, que nos libere de pesadelos. Unha esquerda que saiba transformar o problema catalán nunha oportunidade real para aprofundarmos na democracia. Coido que somos miles, millóns xa, os que por ela estamos a agardar con impaciencia.

Compartir el artículo

stats