Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Non queremos que o Legado Hilgen sexa o 'Holandés Errante'

Hai hoxe xustamente 15 anos foron esparexidas no alto do Candán as cinzas deste xeólogo holandés, quen manifestara a súa intención de ser un habitante desta serra para a eternidade

O 16 de outubro do ano 2004, hai xustamente 15 anos, foron esparexidas no alto da Serra do Candán, a carón da cima de San Benito (1.015 metros de altitude) as cinzas do xeólogo holandés Jan Dirk Hilgen, quen manifestara con anterioridade a súa intención de ser un habitante desta grandiosa Serra para a eternidade humana. A aquel acto foran convidados os alcaldes de Lalín, Silleda e Forcarei por seren os representantes legais do poder popular, aínda que unicamente estivera presente o alcalde de Lalín pero, alí, tamén, estiveron a súa muller Greet, o seu sobriño, a Sociedade Galega de Xeografía, a Asociación Cultural O Naranxo, a Asociación Cultural Manuel Ferreiro e, en especial, a familia de Perfecto Navaza, o grande protagonista en activo e pasivo de todo canto aconteceu.

Alí, no alto do Candán, colocouse unha placa mortuoria con este epitafio: Aquí botáronse as cinzas do xeólogo holandés Hilgen, morto en xaneiro 2004. Na súa memoria e na honra do Candán. Out. 2004. Queda, polo tanto, constancia dun feito transcendente, porque o xeólogo Hilgen sempre sentiu unha especial admiración pola historia xeolóxica deste monte hercínico pregado na formación do gran continente Laurasia-Gondwana.

Uns anos máis tarde, no ano 2008, chegou ao concello de Lalín, por doación do noso admirado xeólogo, o material que tiña no Departamento da Facultade de Xeoloxía de Leiden, unha vez que esta se trasladou á Universidade de Utrecht. A todo ese material denominámolo Legado Hilgen, formado por unha gran bibliografía xeolóxica con máis de 540 libros, unha "litoteca" formada por máis de 2.500 láminas petrográficas, coleccións de numerosas clases de rochas, cartografias múltiples, mapas variados e diverso instrumental de observación. Todo este material estivo almacenado nun local da UNED-Lalín ata que, no ano 2012, foi trasladado ao Museo da Minería de Fontao, en base a un convenio de cesión temporal por cinco anos, asinado polos alcaldes de Lalín e Vila de Cruces.

E, ata aquí todo foi unha historia positiva que se empezou a torcer desde o momento no que o material saleu do noso concello e iniciou unha viaxe de complicado retorno ao lugar de orixe. O Concello de Vila de Cruces empregou a cesión como pretexto para equipar o Museo da Minería e poñer en funcionamento unha dependencia que pronto colleu o camiño da deriva. Nada mellor que o Legado de Hilgen para impresionar a diferentes organismos que podían prestar axudas económicas para marcar o arranque do que podía ser un prometedor Museo da Minería de Fontao e que, a día de hoxe, se quedou nunha frustración para os seus propietarios e nunha triste realidade para o magnánimo concello de Lalín, que cedeu, temporalmente, ese "legado". Estamos pendentes de que desde o Concello de Vila de Cruces sexa responsable, cumpra coas súas obrigas e nos devolva unha parte dese legado que finxe ignorar onde se pode atopar.

Queremos que o Legado Hilgen non se converta no "holandés errante? Xa existe unha lenda e non fai falta outra.

*Xeógrafo de Lalín.

Compartir el artículo

stats