Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

O Réxime de Munich

O sistema político franquista considerouse a el mesmo un "réxime", sobre todo antes de descobrir o tesouro ideolóxico que lle proporcionaba o concepto contido en dúas palabras: Democracia Orgánica. E efectivamente era un réxime baseado no poder capitalista e nunha oligarquía integrada por cen familias cuxos nomes e propiedades foron moi ben relatados e analizados en Cuadernos de Ruedo Ibérico. Estas cen familias e a converxencia (iniciada en Munich e rematada, aproximadamente, co referéndum constitucional de 1978) de correntes políticas aparentemente dispares, coma a comunista oficial, a monárquica juanista, a franquista burocrática, constituiu outro réxime que xa non era o de Franco. Porque Franco, por fin, morrera, e na cama.

Cantaba unha copla subversiva: "Para que quére-la cama, /Franco da cara marela, / para que quére-la cama / se non has de morrer nela?"

E morreu, home non, na cama. O esquema do réxime da Transición estaba xa deseñado na xuntanza en Munich de 1962 propiciada polos EEUU. Ao fin só se modificaron algúns matices. Se en Munich o rei de España previsto era Juan de Borbón, na realidade o que subiu ao trono, como ordenara Franco, foi Juan Carlos. Non se soe recordar que Castelao prognosticara n' A Nosa Terra do exilio este remudo de superficie. O asunto, tan temido, dos separatismos foi resolto na Transición dándolle autonomía a Madrid e a Murcia, que así se colocaban ao nivel da Galeuzka. E a Igrexa Católica non perdía predominio. En canto aos EEUU, o réxime da Transición constinuou ignorando Cuba, Filipinas, Guam e Puerto Rico e amosando o que a dereita soe entender por memoria histórica. Se dicimos réxime dicimos sistema xurídico-político. E o da Transición, hoxe vixente e en devalo, variou o da Democracia Orgánica e do Reino sen Rei pro con Caudillo. Pero a composición do "poder da banca en España", como tamén din moito en Ruedo Ibérico, non mudou. Poderíase soster que a ideoloxía dominante no actual réxime de España non é exactamente igual á establecida en Galicia, sobre todo a partir da presidencia de Fraga Iribarne. En Galicia os partidos do réxime (hoxe PP e PSOE) asumiron sen afondar, a lección política do Mestre, e refírome a Ramón Piñeiro. E trouxeron do exilio o corpo de Castelao a Bonaval.

En todo caso, encontrámonos nun punto e hora no que o réxime da Constitución, en cuxo referéndum se abstivo o 48 % dos galegos e galegas está gravísimamente deteriorado. Compre reler (ou ler de primeiras) a triloxía Ruedo Ibérico (outra vez) de Valle-Inclán para ver como se respiraba nos derradeiros días do reinado de Isabel II en España. Nas rúas de Madrid sempre soaba, na alta noite, un berro: / "¡Viva la Niña!". En Vox e no PSOE deberían estudar intrahistoria da súa España escura.

Compartir el artículo

stats