Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Mentres dure a guerra

Non van referidas as presentes liñas, malia á coincidencia no etiquetado, a comentar ou glosar o -por outro lado, ben acertado- filme de Alejandro Amenábar, agora mesmo a exhibirse nas nosas pantallas. Porén, si que veñen coincidir no tocante ao significado preciso do vocábulo "guerra", toda vez que, en efecto, estamos a falar desa mesma, moi incivil desavinza.

Este, seu, cronista e mais D. Mariano Rajoy resultamos ser da mesma idade. Compartimos asemade algunha outra circunstancia: por exemplo, a de realizarmos os nosos estudos universitarios na cidade natal do expresidente do Goberno español; isto é, Santiago de Compostela. Quero dicir co anterior que ambos formamos parte dunha xeración cuxos pais e/ou avós participaron/sufriron en carne propia dos efectos da contenda iniciada en xullo do 36 e aínda esoutros da inacabable postguerra que a foi seguir. Polo demais, as nosas infancias/adolescencias e mais a primeira mocidade desenvolvéronse no que un certo número de historiadores desgina como "tardofranquismo": cando se produciron os derradeiros fusilamentos perpetradados polo Réxime, aquel tristísimo 27 de setembro de 1975, o Sr. Rajoy e mais eu viñamos cumprir os mesmos anos que algúns dos executados.

Podo entender -que non compartir-, daquela, certos xeitos de D. Mariano-cidadán (que nunca do Rajoy presidente dun goberno que se consideraba democrático!) diante dos acontecementos descritos no parágrafo anterior: é dicir, a súa actitude, poñamos, tépeda diante da lei de Memoria Histórica, unha norma que o seu gabinete nunca derogou -malia contar coa suficiente maioría parlamentaria para tal- mais que si "descafeinou" no posible. En todo caso, repito: o Rajoy-individuo non deixou así de estar en consonancia cun certo número de habitantes deste país de países que consideran, seica, que é mellor aplicarmos unha sorte de piadoso mal de alzheimer ao noso pasado, baixo a escusa arreo de "non volver abrir vellas feridas" e/ou que "os rapaces e raparigas de agora xa non saben quen foi Franco".

Nacida en 1978 -co ditador xa enterrado no Valle de los Caídos-, a actual señora presidenta da Comunidade de Madrid, Dna. Isabel Díaz Ayuso, a punto de cumprir os corenta e un, coido que podería devir -dito/escrito con todo o respecto- unha desas "raparigas de agora" que, polo visto, descoñecen por completo a vida e milagres do "Caudillo de España, por la gracia de Dios". Mais velaí que, contra todas as previsións previsibles, Dna. Isabel vén de amosarse como toda unha experta na historia de España do século XX: xa que logo, velaí o seu bramido diante da exhumación dos restos de Franco: "¿Qué será lo siguiente? ¿Las parroquias del Valle? ¿Arderán como en el 36"?

Catro aniños, catro, tan só contaba o portavoz de Vox, D.Iván Espinosa de los Monteros, cando o xeneralísimo pasou "a mellor vida". Non obstante a evidencia biográfica, o Sr. Espinosa parece ter clarísimas as traxectorias de Dolores Ibarruri -"la Pasionaria"- e Santiago Carrillo: eis que vén de preguntar(se) publicamente que cousa acontecería se a un goberno -un goberno dos seus, cabe supoñer- se lle dese por "desenterrar a Carrillo". Pois, mire Vde., D. Iván: a verdade é que o tía ter de veras difícil unha vez que o que fora secretario xeral do Partido Comunista foi incinerado en setembro de 2012, data do seu falecemento. Polo tanto como non o vaian Vdes. procurar ad astra, onde a órbita de Saturno?

Chegada a este mundo hai apenas trinta e seis primaveras, a alma de D. Ignacio Aguado debía pairar, máis ou menos, por esas mesmas inmensidades cósmicas aló, por volta de 1975. Así e todo, D. Ignacio -polo que parece, un alumno aplicadísimo- tamén senella coñecer a historia patria como a palma da súa man: "Es una certeza y una realidad que ardieron iglesias en el 36 pero es también una certeza y una realidad que este gobierno hará todo lo posible para que no vuelvan a arder en el 2019". Unha vez que teño próximos dous bautizos, tres primeiras comuñóns e mais unha voda (algún deses actos, ademais, terá lugar polos Madriles), non sabe o Sr. Aguado o tranquilo que me quedo logo de escoitar tan rotunda, sentenza! Entre outros motivos, porque non sabe Vde. o moi desgustados que estaban algúns membros da miña familia considerando que traxes, zapatos, complementos e regalos poderían acabar no cubo do lixo! En fin, está ben claro que digan o que digan por aí adiante, contamos felizmente en España, arquipélagos, prazas de soberanía e Perejil adxuntos cunha xuventude que, lonxe de malgastar o seu tempo en sexo, drogas e rock´n´roll, vén preocuparse de veras por aquilo polo que de veras cobizan os seus maiores!

"Mentres dure a guerra": tal resulta ser o título do filme de Amenábar. Unha guerra que aínda dura e dura, talmente como as pilas do coello do célebre anuncio de outrora. Que a cal guerra me refiro? Pois, naturalmente, á unica na que paga a pena arreo combatermos sen demora: falo/escribo, entón, da guerra contra a desmemoria e mais a ignoracia arrogantes. A guerra que nos enfronta -parafraseando a Pondal- cos imbélices e escuros, parvos e mais parvas que buscan abafarnos coa súa estupidez. Non pasarán!

Compartir el artículo

stats