Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Impunidade e silencio

"Eu dun tesouro sei que está gardado/ e para sacalo á luz a terra furo?" Así escribiu Curros Enríquez en 1877. Eo tesouro secreto é A Virxe do Cristal.

Cunha habelencia narrativa e fartura de lingua que non pode senón evocar intres felices de "La Legende des Siècles" de Víctor Hugo, Curros Enríquez, cristián non católico, escribe unha estoria de amor e violencia no poema A Virxe do Cristal. Na súa obra "El Maestre de Santiago", o poeta de Celanova xa se aproximara (en 1874) á narración popular da singular imaxe que se veneraba en Vilanova dos Infantes. Ela era un cristal ovoide e mínimo en cuxo interior se vían dúas imaxes, enigmáticas e orientalizantes, de Santa María. Non puido facerlles sitio Afonxo X nas Cántigas, porque a Virxe do Cristal apareceu nas proximidades da vila e castelo de Vilanova dos Infantes (antes, das Infantes) parece que no século XVII. Curros foi premiado por este poema narrativo, que pasou á historia literaria como a mellor composición poética galega de asunto relixioso escrita na Idade Contemporánea. Isto no é moito eloxiar, dado que, nas nosas letras, o laicismo predominou sempre.

O éxito da Virxe do Cristal foi completo e fulminante. Sobre o seu relato compúxose ópera, rodouse unha película e pintáronse cadros. Paralelamente, á Virxe do Cristal tanxíbel que recibía culto en Vilanova, floriu e permaneceu na admiración lectora que hoxe segue a espertar o poema de Curros. E ben, hai agora catro anos a casa reitoral de Vilanova foi asaltada, e o párroco, meu amigo, Adolfo Enríquez, torturado por unha banda de delincuentes que o interrogou sobre o lugar onde se gardaba a imaxe. Foi martirizado até a morte, don Adolfo.

Parece ser que os ladróns levaron a imaxe de cristal consigo. Finalmente, o xulgado decretou o sobreseemento da causa e o silencio fíxose mesto. En Vilanova só hai agora unha copia consoladora de Nosa Señora do Cristal. E nin as cadeiras universitarias de literatura nin as academias nin a xerencia dos intelectuais orgánicos de Galicia se movilizaron contra o crime, contra o roubo nin en defensa do patrimonio cultural que diu lugar ao poema de Curros, central na nosa literatura.

Suponse que a Garda Civil fixo o seu traballo, pero gardou un silencio incomprensíbel decretado polo xuíz instructor, que tampouco se dignou explicar o caso excepcional ao pobo galego en cuxa memoria colectiva ocupa un lugar de privilexio este poema. Que se saiba, a UCO, unidade de elite para grandes casos criminais, non foi activada para esclarecer o crime horroroso e o roubo. Ignoro se a Igrexa Católica condenou o dobre sacrilexio perpetrado en Vilanova. Detesto as comparacións. Pero imaxino como reaccionaría Cataluña se roubasen a Virxe de Montserrat e asasinasen o abade do mosteiro.

Compartir el artículo

stats