"Alí onde o mando é cobizado e disputado non pode haber bo goberno nin reinará a concordia", (Platón).

É evidente que Pedro Sánchez, nas negociacións con UP para conformar un Goberno despois do 28-A, cobizando todo o mando para si, o papel que lle deu a Pablo Iglesias foi o de poñer candeas no altar socialista. Agora, xa en campaña para as eleccións do 10-N, acúsao de que foi o causante de ter que repetir as eleccións e de boicotear catro veces en catro anos a formación dun Goberno progresista. Aínda que omite que grazas ao líder de Podemos chegou a presidente do país. Asegura ademais, de forma tallante, que despois do 10-N o PSOE non volverá intentar un acordo con UP. Unha afirmación absurda que o deixaría politicamente illado, sen ter con quen pactar. Cousa perigosa nunha democracia parlamentaria, contraria ao interese xeral, ao do propio partido e ao bo funcionamento das institucións. Cabe esperar, en consecuencia, que a realidade inmediata a desmentirá. Cando non se ten maioría absoluta, é necesario facer compatible as diferenzas estratéxicas dos partidos que sumando poden alcanzala, para non cegar as posibles saídas que a composición das cámaras ofrece.

A credibilidade dos actuais políticos é baixa, como o demostra o feito de que un importante número de cidadáns considera que o funcionamento da democracia está deteriorado. Os innecesarios bloqueos que nos levan a procesos electorais inacabables producen, ademais dun cansazo dos electores, un esgotamento institucional grave e unha mala imaxe do parlamentarismo. A incapacidade dos líderes é evidente, véndose afectado o propio sistema. En vez de confrontar as estratexias políticas e programáticas, como todos esperamos para poder decidir con coñecemento de causa o voto, viven instalados nos insultos persoais e na crispación, producindo fastío na sociedade. Desde as eleccións de abril, por este bloqueo, case un ano máis estará o país sen poder abordar importantes reformas e retos nacionais e internacionais.

Aínda así, na primeira sondaxe feita tras confirmarse que volveremos ás urnas o vindeiro 10 de novembro, publicada en El País o 22 de setembro, o PSOE gañaría 9 escanos, pasando dos 123 que tiña a 132 (curiosa cifra, cos mesmos díxitos en distinta orde). O PP subiría dos 66 aos 94, tendo un ascenso significativo; UP baixaría de 42 a 38, perdendo 4; Vox pasaría de 24 a 18, 6 menos, e Cs, o máis prexudicado, de 57 quedaría con 34, baixando 23 actas, toda unha desfeita! O PNV gañaría un, de forma que cos socialistas e UP alcanzaríase a maioría absoluta. Así, cumpríndose estas predicións, o PSOE tería moi difícil negarse outra vez a un Goberno de coalición. Aínda que convén non adiantar acontecementos, porque a 50 días para a celebración dos comicios moitas cousas poden cambiar. Unha delas, a xa anunciada concorrencia da formación de Iñigo Errejón, con el de candidato, á cita electoral, con posibilidades de formar grupo parlamentario. Influír para frear a abstención e que frutifique o diálogo entre as esquerdas son dous dos seus propósitos.

En consecuencia, cabe esperar que, con datos coma estes enriba da mesa, a impresión que existía de que a campaña será moi dura, con fortes acusacións, moderarase substancialmente entre todos aqueles que xuntos poderían sumar para a conformación dun Goberno. As candeas, máis que no altar socialista, haberá que poñelas esta volta no altar da concordia.

*Veciño da Estrada