08 de octubre de 2019
08.10.2019
tribuna del lector

O restauro da memoria

08.10.2019 | 00:55
O restauro da memoria

De facer testamento, faino a tempo. Está e a recomendación do refrán popular. A decana do Colexios de Notarios de Galicia escribía hai uns días que "cando as persoas se enfrentan á vellez e á morte, hai quen, a veces con vontade, medita sobre o seu testamento, revísao, revógao e refaino, dedicando as súas enerxías a que todo quede ben amañado e que se cumpra trala súa morte o que revela ao notario como a súa derradeira vontade". Unha previsión moi recorrente nos galegos.

Nos protocolos notariais de noutrora era moi frecuente atopar cláusulas testamentarias de índole íntima que obrigaban aos testamentarios a cumprilas. Dese xeito quedaba garantida nas xeracións sucesivas a vontade cultural ou espiritual do testador. Hoxe os notarios limítanse a utilizar un modelo impersoal (non fan advertencias informativas de orde legal ao testador sobre a validez do uso do galego), prescindindo da observación ao cliente de poder introducir no testamento algunha outra consideración, se o estimar oportuno, de índole cultural, que lle dea ao documento un carácter máis íntimo. Non estaría de máis que os notarios fosen máis sensibles no seu labor profesional.

A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia, que todos os anos no mes de outubro chama á cidadanía e concellos a participaren no Día da Restauración da Memoria Lingüística co lema "En galego,agora e sempre", fai fincapé na importancia que ten incluír nos testamentos unha manda testamentaria referida á preservación dos valores culturais e lingüísticos así como dispoñer que as súas exequias se realicen en lingua galega, incluídas as esquelas e lápidasa mortuorias que obriguen o seu cumprimento.

Varios volúmes editados co título "En galego, agora e sempre"(https://galeguizargalicia.gal/en-galego-agora-e-sempre/) que recollen centos de mandas testamentarias son testemuños modélicos para trasmitirlles aos seus herdeiros o amor pola nosa cultura e tradicións. Algúns deles deixaron dito: "Vivín na cultura e cultura de min e de nós, é o que quero deixarvos.Para que a amedes e transmitades aos vosos descendentes como eu a recibín dos meus devanceiros"; "O amor pola nosa terra e pola lingua presidíu os meus actos durante toda unha vida.Quixera que despois miña morte vós continuedes no mesmo amor". Don Álvaro Cunqueiro deixou escrito que na súa lápida se escribise que desexaba para a lingua galega mil primaveras máis.

O Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia ten como único obxectivo pedagóxico sensibilizar á cidadanía no respecto aos dereitos patrimoniais, pero tamén a certas manifestacións de índole cultural que fan parte da personalidade do defunto, contribuíndo a perennizar a cultura e a lingua na que se expresou en vida. Porque o home ou a muller non morre de todo, perdura nas lembrazas, e estas non deben ser traizoadas ou desfiguradas polos seus herdeiros. Toda persoa debe ser valorada como membro dun pobo con lingua e cultura de seu. Cómpre corrixir, xa que logo, a anomalía cometida por desconsideración ou desleixo.

Se ben é certo que a personalidade do defunto se extingue coa morte, como sinala o artigo 32 do Código Civil, os vivos deben evocar e lembrar con autenticidade os aspectos, expresións e maneiras de ser e pensar do falecido. Dicía Cicerón que a memoria, como prolongación das peculiaridades do falecido, ten a virtude de fluír cara o presente e pervivir nel con entidade de seu, mesmo trasvasada a íntimos e familiares. A tutela da personalidade pretérita é unha obriga, porque a memoria do falecido ten subsistencia por si mesma, porque emana da dignidade do home aínda que estea morto. A memoria é o vencello de unión entre vivos e mortos, fragua a historia individual e colectiva, é peza necesaria do motor que fai andar ás sociedades xeración tras xeración.

Velaí porque a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística propón o restauro da memoria dos defuntos e honralos cambiando as lápidas escritas en castelán por outras en galego, porque este foi o seu idioma en vida.

Sumámonos ao chamamento da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística chamando aos concellos e á cidadanía consciente a participar na celebración do Día da Restauración da Memoria Lingüística.

Principiamos cun refrán e rematamos con outro moi acaído para o asunto tratado: a verdade anda na herdade.

*Presidente do Foro E. Peinador

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook