Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Black or White

Imaxino ben que han de estar todos Vdes. ao cabo da senlleira noticia. Pois velaí que, segundo informaron nas pasadas semanas os diferentes medios (nin que dicir ten, este venerable rotativo sempre na vangarda), o actual señor primeiro ministro do Canadá, Mr. Justin Trudeau, non tivo outro remedio máis que pedir perdón urbi et orbi logo de que se filtrase, moi oportunamente, unha fotografía súa -a instanánea data do ano 2001, cando exercía como profesor en Vancouver- na que aparece disfrazado de Aladino, o celébre personaxe que aparece nunha das historias de "As mil e unha noites", e coa cara pintada de negro: unha imaxe que o propio Trudeau cualificou axiña de "racista" . De "racista" e aínda, se cadra, tamén un tanto "machista": de feito, o moi lambón aparece na foto rodeado por catro damas de moi bo ver, a unha das cales abraza, para máis delicto, polo pescozo e mais a cintura. En calquera caso, que ben que o o pasaba D. Justin cando andaba de pendoneo!

Aladino e pintado de negro? En realidade, e tal e como acontece con "Simbad, o mariño" ou "Ali Babá e os corenta ladróns", o coñecido relato non forma parte exactamente desoutra gran narración -cuxa principal condutora resulta ser a, tan fermosa como espelida, Sherezade-, sendo incorporado, seica e aló no século XVIII, á mesma por parte do orientalista francés Antoine Galland. Por outro lado, sucede asemade que nin o propio Aladino nin os demais co-protagonistas do conto deveñen árabes, persas nin, desde logo, de orixes africanas. Antes ben, e por máis que os seus nomes si que remitan a un espazo islámico -sen ir máis lonxe, o pai de Aladino chámase Mustafá-, a acción da historia ten lugar na China. Traducido, entón, ao noso román paladino: que, xa postos a buscarlle pés ao gato, non só os afroamericanos senón aínda os árabes, persas, chineses?. -e quen sabe se mesmo algún groenlandés que pasaba por alí!-, todos eles e elas teñen, xa que logo, todo o dereito do mundo mundial a se poñeren talmente como cabalos diante da herexía perpetrada polo lizgairo primeiro mandatario.

Segundo a constitución vixente, a soberana do Canadá vén ser aínda Isabel II; é dicir, a mesma esposa do príncipe Filipe de Edimburgo e, ao tempo, señora nai de Carlos de Gales. Sen dúbida, unha familia, a real británica, con moi coñecida afección polos disfraces variados. Porén, mentres ninguén critica e/ou se alporiza por mor de semellante benquerenza, acontece que, por moitas desculpas que chegue a ofrecer, por moitos calcetíns de colorinchos que use, por máis que viaxase á India ataviado cun sherwani dourado made in Bollywood e bailase a bhangra con moito estilo -repasen Vdes. as hemerotecas/vidiotecas recentes- Truedeau si que a leva clara. Que lle queren? Non querías multiculturalismo megaguay e democracia for everybody?, pois ¡toma jeroma, pastillas de goma!

Que lles vou dicir/escribir a Vdes.? De árabe, desde logo; pero así mesmo de pope ortodoxo e cardeal católico; de guerrilleiro revolucionario cubano; de indio apache; de capo mafioso?, de todo iso, e algunha cousa máis, si que me teño disfrazado no Entroido. Nunca me procuraron para tal oficio, pero tampouco tería demasiadas dificultades en aceptar o papel do rei Melchor ou esoutro do monarca Baltasar. E é que non acabo de entender a santo de que han de resultar incompatibles o gusto por un bo cocido, o afecto cara a familiares e amigos, o disfrute diante dun bo partido de fútbol, a alegría dos ollos diante dun corpo fermoso? coa firme convición e defensa da igualdade plena de dereitos e deberes entre todos os seres humanos con independencia de resultaren home/muller, da súa orientación sexual, etnia, idioma, relixión/ateísmo? Será, ao mellor, que un xa vai un tanto vintage, mais se é verdade que o "blackface" pode remeter a -malos- tempos idos; se resulta que os descedentes dos aztecas interpretan que temos de pedir perdón polo que fixo Hernán Cortés?, como lexítimo herdeiro que veño ser dos meus devanceiros ártabros, coido que os italianos/as de hoxe deberían pedirme unhas cantas desculpas por todo aquilo que fixeron no seu día Décimo Xunio Bruto e demais: sen ir máis lonxe, desterrar aquela, supostamente sonora, fala castrexa dos tataravós e determinar que un servidor veña expresarse neste latín, decididamente vulgar, no que van redactadas as presentes liñas.

Tres viñan ser os desexos que concedía o xenio da lámpada. Pois ben; contando con que o primeiro consista en que todos e todas gocemos de boa saúde e prosperidade; engadindo o afán de que fagamos o amor e non a guerra, velaí o terceiro: que Alá, Deus, Xehová? afasten de nós, de vez, toda esa colección de mixiriqueiros, prosmas, parrulos e parrulas que confunden o cu coas témporas, os allos cos bogallos e as boas intencións co simplismo de espírito. Sen eles, e sen elas, cabe pensar que o mundo podería ser máis divertido. En fin, como ben cantaba Michael Jackson -cando o coitado era alguén-: "? but if you're thinking about my baby/it don't matter if you're black or white".

Compartir el artículo

stats