Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Bon e mau independentismo

A Idade Contemporánea ábrese en 1776 coa Declaración de Independencia dos EEUU. Ou sexa, cun acto independentista ou separatista de inmensa repercusión no mundo. Na cámara do Capitán Nemo, Jules Verne puxo retratos de independentistas irlandeses, montenegrinos, gregos, e mesmo o dun preto antiescravista sublevado en Norteamérica. A Conferencia de Bandung e a organización dos Non Alineados foi fogueira ideolóxica na Guerra Fría que activou a idea de dereito á autodeterminación das nacións e dos pobos sen estado propio. Semella mesmamente que a primeira explosión de dereitos individuais da Revolución Francesa, especialmente en 1793, sucedera no século XX, e en Irlanda condensada, a explosión das independencias que Stalin e a URSS respaldaban. Así foi arrastrada a ONU a defender o Dereito á Autodeterminación. España negáralle ese dereito a Cuba, Puerto Rico, Guam e Filipinas, e en 1898 foi derrotada polos EEUU que defendían tal dereito. O resultado foi: Guam e Puerto Rico son hoxe colonias norteamericanas, Filipinas unha especie de neocolonia da que os EEUU borraron a lingua castelá. E Cuba, xa saben: territorio libre de América odiado a sabor polas dereitas españolas. Dereitas españolas que aplaudiron a independencia de Ucraína e outras repúblicas soviéticas, e que foi feliz, e participante, nas independencias das repúblicas de Iugoslavia, destruindo esta confederación. Claro que, así a URSS como Iugoslavia, eran confederacións comunistas de nacións, mormente europeas. Nestes casos, a España negra aplaudiulle aos separatistas até doérlle as palmas das mans. E decer, que o dereito dos pobos á autodeterminación existe igual ca existen outros dereitos no paradigma nobre da Humanidade. Igual que se conculcan dereitos individuais en todo o mundo debido a intereses de clase hexemónicos, así tamén non son recoñecidos dereitos colectivos cando non lle convén o seu exercicio a determinadas elites. Hai, pois, un independentismo bon e un independentismo mau, tamén chamado, en España, "separatismo". Poñamos un exemplo. Estes días, e escollendo as conmemoracións do aniversario da República Popular Chinesa, as forzas independentistas de Hong Kong, que non queren ser chinesas porque queren ser capitalistas e independentes, agudizan a revolta contra o seu goberno central e arboran bandeiras norteamericanas e mesmo británicas. Pode decerse que os mais dos que odian o independentismo catalán están a favor do independentismo de Hong Kong. Naturalmente, estamos a falar en política práctica e non en ética nin en valores. De todos modos, faga o leitor o seguinte experimento. Consulte cantos estados independentes había o día do seu nacemento e cantos o día de hoxe gozan de Estado propio.

Compartir el artículo

stats