Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

A política é un soño (ou pesadelo)

"When they begin the beguine/It brings back the sound of music so tender (?) I'm with you once more under the stars". Frank Sinatra ou Cole Porter -aló cadaquén co seu gusto; mesmo non ha de faltar quen teña lembranzas, qué lle imos facer, meus!, de Julio Iglesias- reiteraron semellantes versos por nós: en calquera caso, sempre pura e lene, moi doce herba de namorar. Porén, desta volta e malia o que nos achega o célebre estándar, e segundo andan a explicar urbi et orbi sociólogos-politólogos e demais expertos en ciencias esotéricas, a cousa non parece tan doada . "Oh yes, let them begin the beguine, make them play!/´Till the stars that were there before return above you": de certo, e por moito que repitan e repitan, debullen, proclamen, xuren e perxuren os candidatos astrónomos ? coidan Vdes. que podemos fiarnos de que as estrelas da esperanza democrática volvan brillar nos nosos ceos?

Sen dúbida é moi fácil dicilo/escribilo agora, "a toro pasado" -obxectarán algúns-; así e todo, entendo que han de ser uns cantos/bastantes aqueles de entre os -sempre moi amables lectores destas liñas semanais- que veñan concordar con este, seu, cronista naquilo do "estaba cantado!" Ou o que vén ser o mesmo e traducido ao noso roman paladino: desde que se foron coñecer os resultados electorais, na noite do pasado 28-29 de abril, o certo é que non había de veras posibilidades de que se viñese formar ningunha sorte de goberno nos Madriles. O que é máis: desde que D. Carles Puigdemont proclamou/desproclamou/ou o que queira que fose finalmente a República de Cataluña aquel infeliz 10 de outubro de hai case dous anos, devén impracticable a existencia dun executivo duradeiro nas Españas, arquipiélagos, prazas de soberanía e Perejil adxuntos. Xa que logo, e por moitos fogos de artificio que daquela iluminasen o firmamento, por moito que (re)enviase ao Sr. Rajoy Brey -se é que algunha vez D. Mariano saíra de tal territorio, claro é- ao seu dolce far niente, a presidencia de D. Pedro Sánchez Pérez-Castejón tiña de ser, por pura necesidade, unha presidencia con data de caducidade axiña. Mais iso si: como moi ben cantaba Freddie Mercury, acontece que The Show Must Go On.

"Hechicera gitana, gitana hechicera, romántica reina (?) Barcelona es poderosa, Barcelona tiene poder", rimaba, da súa parte, o gran Peret. Tanto poder como, por exemplo, condicionar, todo nunha carta, a actividade completa de D. Albert Rivera e Ciudadanos. Nacido como unha forza emerxente en plena desfeita do bipartidismo corrupto, C´s entendeu, nas vésperas do 1-O que, antes que unha persistencia nos seus principios fundadores, a súa fortuna radicaba mellor na capacidade de saber conducir e xestionar, adiantando como lóstregos ao PP, o anti-independentismo na propia Cataluña e mais o anti-catalanismo no conxunto español. En consecuencia, como embarcarse nun apoio/abstención benevolente a Sánchez ás portas da sentenza do "procés"? Sexa cal veña ser o fallo do tribunal, eis o consello xesuíta: "en tiempos de tribulación, no hacer mudanza."

Imaxinan Vdes. a resposta dun/dunha viceministro e dous/tres ministros/as de Unidas Podemos diante dun veredicto duro que condene a D. Oriol Junqueras, D. Jordi Turull, Dna, Dolors Bassa e compañía polo delicto de rebelión? Que farían tales membros do executivo español se nas rúas e prazas da capital catalá se produce unha protesta multitudinaria? Pois ben; tampouco é quen de imaxinalo -mellor dito: non quere imaxinalo, nunca quixo imaxinalo- D. Pablo Iglesias Turrión, e de aí que as súas ofertas e contraoferta respondan apenas a ese mesmo propósito circense que anunciaban os Queen: "o espectáculo debe continuar". Non se trata, dquela, tan sequera de máis ou menos poltronas; trátase de pura e dura supervivencia: un artista débese arreo ao seu público.

Imaxinou, da súa parte, D. Pedro Sánchez semellante posibilidade? Naturalmente que si que a imaxinou! Velaí a reacción: xa non é que fose sufrir terroríficos pesadelos; é que o señor presidente en funcións considerou, antes diso, que nin sequera podería durmir! Como facelo, ademais? Cataluña en fronda; os podemitas abandonando ministerios, delegacións e despachos; Rivera e Casado arengando ás masas; o cabalo de Santiago Abascal preparado para entrar ao trote en pleno Congreso? ; nin cunha empanada de "trankimazins" enriba sería quen, D. Pedro, de conciliar o sono! En fin, tamén o Sr. Sánchez vén ser un artista de éxito que se debe ao seus fans e seguidores; temaños comprensión.

Que pode acontecer, entón, logo do 10-N? Para alén de enquisas e inquéritos acelerados, eu, de Vdes., estaría moi atento a todo aquilo que vaia acontecer na praza de la Villa de París. Iso e irlle poñendo, de paso unha -ou, mellor, unha ducia- vela a San Francisco de Sales; ao cabo, a sede do Tribunal Supremo radica xustamente no que fora convento das Salesas Reais!

Parafraseando ao clásico, está claro que a política é un soño (ou un pesadelo!) Espero que no de Vdes. haxa sempre anxos (e/ou anxas).

Compartir el artículo

stats