Un dos lugares preferidos polos franquistas vigueses para os fusilamentos de personas republicanas e afectas ao Frente Popular, despois da sublevación de 1936, eran os muros do cemiterio de Pereiró. Este lugar de oprobio ben merecía a colocación dunha grande placa cos nomes dos mortos, como se fixo, en sitios equivalentes, na Europa que media entre Brest e Bucarest, e aínda Moscú. Hoxe, a memoria móvenos a datas máis recentes.

Conmemoramos en Vigo a execución, lonxe de Galicia, de dous mozos vigueses que militaban na Resistencia Antifranquista: Xosé Humberto Baena Alonso e Xosé Luis Sánchez-Bravo. Foron pasados polas armas pouco despois de que outro vigués, Xosé Ramón Reboiras Noia, fora morto a tiros nunha rúa de Ferrol. Ocorreu en 1975, cando Franco estaba vivindo os seus días derradeiros. O que nos fai pensar que o Caudillo iniciou o seu mandato totalitario con sangue e morreu facendo correr o sangue.

Algunhas persoas pensamos, en consecuencia, que a cruz franquista que ofende a nosa vista na aba Norte do Monte do Castro debe ser retirada. Serao, sen dúbida, pero non polo presente goberno municipal, que parece esquencer aos alcaldes de Vigo e Lavadores que foron asasinados xunto cun número incontábel de veciños republicanos.

Baena, Sánchez-Bravo e Reboiras iniciaron as súas militancias e dedicación resistente cando eran alumnos do Instituto Santa Irene. Seino porque eu estaba alí e coñecía a súa actividade. Ben merecía o xardín do noso Instituto un monolito que recordase os nomes destas nobres víctimas. O réxime actual, hoxe en crise, non modifica os seus caracteres orixinarios. Composto, nunha parte, por políticos profisionais do Movimento Nacional, partido franquista único, estes pactaron co socialismo, co carrilismo e cos poderes económicos e relixiosos o esquencemento dos horrores.

Por iso non estará hoxe o sucesor de Martínez Garrido no acto de homenaxe aos fusilados de 1976 que agrupará todas as familias democráticas de Vigo perante o sepulcro de Baena. Eu celebraría moito equivocarme e haxa unha representación da maioría municipal do PSOE no acto. Goberno municipal que podería aproveitar a ocasión para achegarse ás covas de Ubaldo Gil e outros fusilados do PSOE que xacen, a moita honra, no cemiterio civil a carón de Ricardo Mella e figuras relevantes da cidade. Pola nosa parte, faremos memoria igual que a fomos facendo cada ano desde 1976.