Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ao pé do farelo

Carta aberta a Pedro e Pablo

Queridos Pedro e Pablo (ollo, que non me estou a referir aos famosos protagonistas da serie da miña nenez Los Picapiedra, de Hanna-Barbera, aínda que ás veces a vosa actuación é a mesma daqueles trogloditas da idade das cavernas):

Agardo que ao recibo da presente esteades todos ben de saúde, nós, a Deus grazas, por aquí todo coma sempre, e ata os bemoles de vós todos, como dixo o ínclito deputado de ERC, Sr. Rufián, que de cando en vez deixa de facer honra ao seu apelido e solta algo axeitado e non fanfurriñadas.

Mándovos esta carta, agora que xa ninguén escribe, para comunicarvos que non contedes co noso voto nas próximas eleccións do vindeiro mes de novembro, nas que nos tedes embarcado contra vento e marea, polo egoísmo e o voso egocentrismo irracional. Xa sabedes o conto, entre todos la mataron y ella solita se murió.

Agora a ver quen arregla este entuerto e, como dixo o Casado, que moi listo non será pero sacou o master and comander da Universidade Rey Juan Carlos aprobando sinaturas coma churros, claro que semella que os títulos danos alí coma nunha tómbola, e xa vedes o contento que anda cando vos advirte de que as eleccións cárgaas o Diaño.

E que dicirvos do Sr. Rivera e o seu primo, non o de Zumosol, non, falo do Primo de Rivera, aínda que non sei, como cada día estou máis pasmón, xa non sei se me confunda co José Antonio aquel, oia, ou o de Ciudadanos, é que cada día se parece máis e máis, como as pilas duracell, e o seu discurso é máis azul ca o ceo.

Pois nada, xa vos advirto de que non contedes coa miña papeleta de voto, así que non malgastedes papel e publicidade, porque vai ir directamente ao cubo do lixo, o mesmo que vós todos fixestes cos nosos desexos, cando hai meses nos molestamos en ir depositar, en forma de voto, a nosa opinión. Segundo vós mesmos pregoades a cotío, ese é o valor da Democracia, escoitar a voz do pobo. Xa o sei, si, todo para o pobo pero sen o pobo, porque o pinga todo de aceite e graxa cos bocatas de tortilla e os bolos preñados.

Pois penso eu que, non sei, pero semella que estades máis xordos ca min, porque ou non escoitades nada ou impórtavos un pito. Ande yo caliente y ríase la gente, como dicía o máis grande escritor do século de ouro da nosa literatura, D. Luis de Góngora, e mira que choveu dende aquela, agora máis, co tema das gotas frías; e que mudamos pouco en catro séculos.

En fin, meus, que a miña opinión é unha cagarría de mosca nunha bosta de vaca no prado, seino, pero é que vos estades a rir do que opinaron máis de once millóns de persoas, en forma de voto, e iso xa si que me asusta, porque non comprendo nada do que estades a facer, por nós, pero sen nós.

Bicos e apertas para todos e ata pronto.

Compartir el artículo

stats