Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Títeres históricos en Ribadavia

Non sei de vilas e cidades galegas que aglomeren nos seus soños tantas pantasmas entremuralladas como encerra Ribadavia. Non sei se a súa festa histórica representa todos os casos tráxicos e memorábeis que aconteceron alá. En todo caso, en Ribadavia houbo, no pasado, moito máis ca xudeus: por moito que lle atribúan a Pedro Madruga, sempre soldado fanfarrón, aquel berro terminado en aturuxo: "Adeus judeus de Ribadavia!" Fora cando Madruga, leal galego de Dona Joana de Trastámara e Fidel de El Rei de Portugal, lle fixera escarño e cornetada ao seu inimigo o prior ("prioiro" di Otero Pedrayo) do convento de San Clodio. Levara preso o Bastardo do Soutomaior aquel "prioiro" montado nun burro e cunha restra de allos ao pescozo pola verea vella de Nóboa arriba.

Con hache ou sen ela, eu quería ver representado en Ribadavia o cerco da vila polos ingleses de Lancaster, en 1386. Alí, e en lenzos de muralla e portas que aínda están en pé, os burgueses resistiron con braveza. E dicimos burgueses referíndonos tamén a xudeus. E a "Condesa Endiablada", Helena de Zúñiga, que enforcara os deputados populares, foi morta a lanzadas en Ribadavia. Arder, ardeu a vila, incenciada polo Mariscal Pedro Pardo de Cela.

moito antes, moito antes destes sucesos, os nobres galegos déronlle unha mazá (Otero quería que fose pavía) a Sancho I O Gordo a quen odiaba o noso reino, e el morreu envelenado, en Santa María de Castrelo, da outra banda do Iberr ou Miño. Hai quen di que envelenaron a Sancho I no que hoxe é Santo Domingos. Pero outras fontes subterráneas aseguran que nese sitio e solar estiveron os pazos do noso infortunado Rei don García II. Ben certo parece que ao privado e canceler de Don García lle deron morte en Francelos, antiga e fermosa aldea ben irrigada e berce de famosos pescantíns do Miño. Ou sexa que os inimigos de Don García, sempre Orraca, Afonso, Sancho, lle mandaron, fronte ao transparente pétreo de Francelos, un aviso ao Rei lexítimo. Matáronlle, dediante dos fuciños e no sagrado Francelos, o privado Érnula, ou Vérnula, do que foi facer acordanza, por vías tortuosas, o mesmo Víctor Hugo no século XIX francés. Ou sexa que, como escribía Otero: "ambiciones, estrategias y terribles sarcasmos".

O heroísmo burgués, onde os xudeus loitaron hombreiro con hombreiro cos societarios comunais seus viciños. Os condes tolos, que dicía Cunqueiro. E os abades e priores dominados pola avaricia, a luxuria e a gula e agora é case Valle-Inclán. Todo está en Ribadavia, preparado para a representación teatral, incluida a diabolesa de Zúñiga como especia incitante, co peito atravesado polas lanzas dos executores en Ribadavía igual que se ela fose becerra nunha corrida. Na miña vellez, eu gostaría de ser estas e outras estampas, na festa histórica da que fora capital inesquencibel do teatro galego contemporáneo.

Compartir el artículo

stats