17 de septiembre de 2019
17.09.2019
BAIXO MIÑO

Xacobeo Autismo. Un camiño de todos (I)

17.09.2019 | 02:04
Xacobeo Autismo. Un camiño de todos (I)

O Camiño de Santiago é un exemplo de diversidade ambiental e humana. Un camiño o cal hoxe achéganse as persoas con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA). A través do seu itinerario as persoas con TEA, terán ocasión de visitar e coñecer vilas e lugares, cun patrimonio cultural excepcional con todo tipo de elementos artísticos e onde viven persoas diferentes a eles en costumes e formas de vida.

Que as persoas con TEA percorran O Camiño de Santiago, na súa variante do Camiño Portugués da Costa, pon en práctica a inclusión das persoas con TEA, tal como foi deseñado, a través do proxecto Xacobeo Autismo. Un camiño de todos, iniciativa da Xunta de Galicia no programa "O teu Xacobeo 2021", no que colaboran o Concello de Nigrán e a propia Fundación Menela. É a demanda que as persoas con TEA nos indican: pasar do dito o feito.

O Camiño Portugués da Costa percorre o fermoso litoral atlántico desde Porto, pasando por Vila do Conde, Esposende, Viana do Castelo, Caminha ata chegar A Guarda (primeira localidade galega) a 160 kilómetros de Santiago de Compostela. Onte, 16 de setembro, estivemos na Guarda, a primeira visita cultural na vila que creceu nas abas do impoñente castro de Santa Tegra, principal valor turístico e histórico desta localidade e un dos asentamentos prerromanos máis impresionantes do noroeste peninsular. Santa Tegra tivo unha ocupación continuada entre os séculos I a. C e I d. C. Desde o alto quedaremos abraiados ante a magnifica panorámica do río Miño. Santa Tegra é o castro mais visitado e emblemático dos poboados galaico-romanos galegos e declarado Monumento Histórico Artístico Nacional, en 1931. En varias das pedras do monte atoparemos "petróglifos" elaborados 2.000 anos antes da ocupación do castro. O estuario do río Miño, especialmente atractivo a hora da baixamar e ao solpor, con xuncos, corvos mariños e anátidos sobre a marisma. Na gastronomía A Guarda faille festa á langosta, no mes de xullo.

Hoxe día 17, iniciamos a 1ª etapa A Guarda-Portocelo da nosa andaina, despedidos pola corporación municipal guardesa, un reto que fará visibles as persoas con TEA do Centro Castro Navás de Fundación Menela, en Priegue (Nigrán-Pontevedra), motivados e preparados de cara a un percorrido, do que seguiremos falando do Camiño, un camiño que camiña, en sete etapas a través de Santa María de Oia, Mougas, Silleiro, Baiona, A Ramallosa e rematar o día 11 de outubro en Nigrán.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook