17 de septiembre de 2019
17.09.2019
tribuna del lector

Mudan os tempos, mudan os costumes

17.09.2019 | 02:03
Mudan os tempos, mudan os costumes

O patrimonio cultural galego é moi vulnerable. Tanto, que cando algunha parte desaparece só queda del a memoria, que pouco é. Este feito prodúcese por activa e por pasiva. Polos que podendo preservalo prefiren, por falta de autoestima, desprezalo; son os que senten maior entusiasmo polo alleo que polo propio. Mais hai outro sector numeroso da sociedade que non é plenamente consciente da riqueza do noso acervo cultural e influído polos primeiros, súmanse a ese lamentable proceder.

Pero tamén hai que salientar outras incidencias alleas negativas que actúan persistentemente contra as que non é posible loitar por mor da desigualdade de forzas en conflito. Velaí a globalización na que estamos mergullados, que ten medios poderosísimos para esluír a diversidade en aras da homoxeneidade fomentando o pensamento único. É a loita desigual das culturas sen recursos contra as que están apoiadas por poderosos medios.

Servidor, que leva traballando case que cincuenta anos arreo para manter vivos os nosos sinais de identidade, pode ilustrar cunha anécdota a vulnerabilidade do noso patrimonio inmaterial, que foi sempre a pedra angular que termou durante séculos das nosas tradicións.

Nas miñas vacacións estivais e de nadal nunha pequena aldea da Fonsagrada participei en moitas polavilas, que eran reunións lúdicas convocadas polos veciños unha vez rematadas as tarefas agrícolas. Da sabedoría popular daquela xente cheguei a coñecer a riqueza da nosa identidade. Pois ben, no fondal do val do Suarna, que é onde está localizada a aldea, a televisión víase grazas a un pau que facía as veces de repetir chantado nun penedo que coroaba un outeiriño alimentado por unha batería dun coche. O sinal da TVE recibíase moi mal. As dificultades eran maiores cando o mal tempo desaconsellaba ir cambiar a batería.Así que as polavilas eran a alternativa para pasalo ben.

Nunha delas os veciños, sabedores do meu galeguismo, emprazáronme para resolver o desamparo no que estaban "porque a Xunta de Galicia impídennos ver a TVG cando aquí somos todos galegofalantes". Sabedores das miñas relacións con algúns políticos, fixéronme a encomenda de resolver o problema. Ao día seguinte despraceime a Compostela para falar co conselleiro do ramo e expoñerlle as circunstancias da visita. Meu dito, meu feito: en menos dun mes colocáronse na Fonsagrada, que é un teso ben alto, dous repetidores. Cando voltei polo nadal pregunteilles,como era costume, a que hora tiñamos a polavila. Haiche algún tempo que non as facemos, díxome un. Agora a xente mira a televisión; sobre todo as das canles privadas que nalgúns programas saen unhas mozas ben cumpridas a medio vestir. Tele 5 seica tiña máis engado que a TVG.

Se non fose porque hai batallas que se perden de seu pola poderosas forzas que actúan sobre nós, sentiríame culpable de ter acabado coa tradición das polavilas, que eran ágoras sen cancelas para o maxisterio socrático da identidade e fomento da cohesión social.

Esta anécdota ben a conto porque pode servirnos de reflexión para procurarmos que o relato cultural con base na tradición non desapareza con acelerada progresión. Velaí está o calendario para certificalo. Cando chegue o mes de defuntos en moitos centros escolares celebrarase unha actividade traída dunha tradición dos EE UU, o oprobioso Halloween. E nas festas do nadal volveran as escenificacións do Papá Noel. O mesmo acontecerá no entroido, convertido agora nunha carnavalada carente de imaxinación. Aínda así, e malia esa precariedade intelectual, de cando en vez en algures aparecen propostas imaxinativas con raíces no noso pasado.O éxito de tales convocatorias avalan a existencia dun sentimento galego difuso que hai que seguir alentando. Lembro con moita satisfacción que sendo funcionario do Concello de Redondela propúxenlle a unha asociación cultural botar a andar a Festa dos Fachos inspirada na mitoloxía celta. Foi tal o éxito daquela iniciativa que na segunda convocatoria participaron na festa ao pé de mil trescentas persoas (cifra ben contabilizada), que se foi incrementando co paso dos anos.

Galeguizar, velaí a arela que temos que conseguir colectivamente. A desmemoria convertiranos nun pobo enxoito. Cómpre que a consellería prepare un plan de dinamización que fomente o restauro do patrimonio inmaterial, seguindo as directrices da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia.

O paso do tempo é inexorable, pero que non nos roube aquilo que é consustancial conosco para podermos existir no futuro.

*Presidente do Foro E. Peinador

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook