Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Microtratado de viguismo

Hai varias formas de ser viguista. Eu prefiro a do nacionalismo galego republicano, que consideraba abertamente que Vigo había de ser a nosa capital industrial, cultural e contemporánea. Non é ilóxico que así pensasen Gómez Román, Castelao, Paz Andrade e, sobre todo, Manuel Antonio. E, grazas a este pensamento, hoxe abre as súas portas a Biblioteca Penzol nun edificio, o antigo concello, no que pervaga a pantasma federalista e laica de Eduardo Chao. Existe un libro, titulado "Tratado de viguismo", que aínda pode ser consultado con proveito para disterar outros viguismos pouco beneficiosos para esta cidade galega que creceu á marxe do Estado Español. Vigo ten Portugal ao alcance da man e sabe que, pasadas as Cíes e cortando o mar coa proa dos soños, está Nova York en paralelo. Non Madrid.

Tamén existe o viguismo que botou abaixo a metade do Castelo de San Sebastián, cousa que fago mal en divulgar porque constitúe unha vergoña. É o mesmo viguismo que aplaudiu a alcaldada (condimentada con adimento de concellais procesados por "cohecho") de substituir o tranvía eléctrico polo bus con motor de explosión e capital franquista non radicado en Vigo. Eran viguistas, ás veces inxenuos, que pensaban que o tranvía non tiña que ter lugar na era dos combustibeis fósiles xeneralizados. Lembran o goberno bipartito da Xunta que quixo ampliar o parque natural do Monte Aloia a toda a Serra do Galiñeiro? Os viguistas maus de que falamos torceron a vista e, hoxe, toda a súa vontade conservacionista consiste en loitar porque as Illas Cíes se convertan en zona liberada da opresión das Illas Atlánticas. E o Galiñeiro segue maltratado e gravemente ameazado de morte pola cobiza mineira.

Este cronista recorda os días nos cales a costa que vai de Cabo de Mar, ou do actual Museo do Mar, á Foz do Lagares, e aínda alén, por Coruxo, era un paraíso. Primeiro o mau viguismo aplaudiu cando, nos anos cincuenta do século XX, as "repoblaciones en consorcio" fixaron as dunas e plantaron os piñeiros. Máis tarde, a estrada de Alcabre e a ponte da Foz abriron camiño até o Vao e Coruxo; o que non constituíu mal para o naturalismo. Aquel anaco de gloria que co tempo se chamou Samil, foi definitivamente destituído co paseo que invadiu o que quedaba daquelas dunas colosais que xa poucos relembran. Logo apareceron os cafés, as heladerías, algún hotel feo, sen que o viguismo demostrase insatisfacción. Antonio Palacios soñara a area de Samil como a grande praia que necesitaba o Grande Vigo. Pero non puido nin sequera imaxinar o estado actual daquel lugar perfecto que xa nunca vai voltar. Lembren que Antonio Palacios introduciu o escudo de Galicia no Palacio de Comunicacións, hoxe sede municipal de Madrid. E alí continúa.

Compartir el artículo

stats