Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

O verán dos compradores frustrados

Houbo una xeira entre nós -aqueles, sempre moi amables, lectores destas crónicas semanais, e que hoxe retornan logo da paréntese estival, que anden a "peinaren canas" han de lembrala aínda- na cal o verán constituía un espazo-tempo de quietude e moi dolce far niente. Velaí, daquela, as mañás de sol, azul, praia e terraza con cervexa fría; as longas tardes de sesta, amor e lectura pausada; os seráns de cea ao aire libre; as noites de verbena, tertulia interminable e fogos artificiais? Nesa feliz idade dourada, os únicos culebróns que abrollaban, entón, viñan ser aqueles do Tour de Francia -xa saben Vdes: "a serpe multicolor"- e, nin que dicir ten, esoutro, entrañable, do lago Ness. Mais acontece que, como ben escribira o poeta, "mudam-se os tempos, mudam-se as vontades": abafada polas hostes incansables do turismo low cost, chegou o día no que Nessie non foi quen xa de dar máis de seu. Refiren mesmo algúns que a coitada decidiu retornar para sempre xamais onde os seus irmáns e irmás plesiosaurios/as logo de ter fracasado no enésimo intento de escorrentar, ou tan sequera abraiar un tanto, unha banda de clónico-mutantes os cales, lonxe de se arredaren aos berros, teimaron de contado, móbiles desenfundados, en que o arreo simpático monstro -ou monstra ou monstre- das Highlands se fixese con eles tres ducias de selfies.

Así as cousas, e como queira que the show must go on, eis que as percepcións extrasensoriais, magnetismos, poltergeist? causados por aqueles ofidios, colúbridos, doutrora viñeron ser subtituídos por estoutras entidades de moi diversa pelaxe, carentes, iso si, as máis delas dos necesarios decoro e glamour. En concreto, o verán do ano de graza de 2019 pasará á historia como o extraño verán dos compradores (compulsivos) frustrados. Trátase dun desengano, erro, chasco?, xa que logo, que foi atinxir, ademais, mesmo os máis altos poderes, dominios e imperios do mundo mundial e velaí, xa que logo, o inmeso drama, a monumental perrencha que desacouga, día si e día tamén, as dúas Casas Brancas de Occidente.

Porque vale que durante as tebras ignaras e ignavas do pasado, Santiago Bernabeu levase a cabo a compra -7,2 millóns de dólares que puxo enriba da mesa- de toda a pálida Alaska, Pegamoides e Dinamara adxuntos, facendo ondear a bandeira merengue nas rúas xélidas de Anchorage, ao norte do paralelo 60, e asomándose ao mar de Bering e as inmesidades árticas. Vale asemade que, nese mesmo propósito expansivo, na procura e no afán de coutar a presión blaugrana arreo, dispuxese aínda outros 27 kilos e lle fose mercar ao Reino de Dinamarca as Illas Virxes e, de paso, o gobernador das mesmas, Michael Laudrup. Pero, como fica escrito máis arriba, iso aconteceu "aló cando os animais falaban" . En consecuencia, que reacción agardaba o seu sucesor no Despacho Oval, D. Florentino Pérez, logo de anunciar urbi et orbi o seu propósito de dirixirse de novo aos daneses e danesas para arranxar esoutra compra de Groenlandia e adscribila de contado aos eidos de Concha Espina, 1?

Mentres, da súa parte, o outro mandatario "wikingo", Mr. Donald Trump, non era quen de arranxar outra cousa mais que amosar ao cosmos enteiro a súa absoluta incapacidade sedutora: e é que, por moito que galantease cada mañá, que movese as plumas cal pavo real en celo, que lle ofrecese ouro, incenso e mirra, que o nomease emperador de Lavapiés, que lle alfombrase con caraveis a Gran Vía sen tráfico e sen Manuela Carmena, que o bañase con lexítimo viño de Xerez? Neymar da Silva Santos Júnior -ou, mellor dito, o señor papá deste- respondeu que nanay del Paraguay. "Cuando vayas a Madrid, chulazo mío?" "Madrid? Não; eu não vou para Madrid, meu chapa, eu fico ainda em París!"

"Cando China desperte, comprará o mundo!", advertiuno ben aquel curmán segundo de Napoleón Bonaparte. Cal será a nova xogada de Mr. Peter Lim? -Ok., Mackey, naceu en Singapur-. Sabido é que as laranxeiras florecen na primavera, pero, cos tempos que corren, é posible atopar algúns exemplares a nos ofreceren flores de azahar en pleno novembro. Mentres tanto, a cousa vai como vai: "vendermos a Rodrigo? Toma laranxas (da China), Marcelino!" (Marcelino sen pan, sen viño e sen banquiño)

En fin, ben que poderiamos aínda proseguir o noso percorrido polas Ramblas, font de Canaletes e Camp Nou adiante. Porén, o cronista considera que os exemplos citados nestas liñas dan cumprida relación do proceso compulsivo/frustrante no que estamos inmersos. Todos? Todos non; porque velaí que D. Amancio Ortega continúa e continúa e continúa a comprar e comprar e comprar? Será quen, mesmo, de adquirir un día destes o ollo da agulla e ir reservar, de tal xeito, unha esquina estratétixa no reino dos Ceos?

(Esta crónica vai dedicada ao meu caro amigo Rafael del Castillo)

Compartir el artículo

stats