14 de septiembre de 2019
14.09.2019
tRIBUNA LIBRE

A Loliña

14.09.2019 | 02:23
A Loliña

Coñecinte diante do Teatro Principal. Paseabas da man co teu irmán Manoliño, ao cal lle dedicaches máis de media vida, e eu saía de clase de teatro. Comentáchesme que che gustaba moito o teatro e que estabas nunha fase da túa vida na que necesitabas un estímulo coma ese. Así que animeite a apuntarte na Escola de Teatro, cousa que fixeches.

Aí comezou a túa andadura interpretativa. Primeiro sobre as táboas dos escenarios, despois na gran pantalla e, por último, en todo canto enredo escénico se che propuxese... Así comezou, tamén, a nosa amizade que medrou co tempo.

Hoxe, todos cantos te coñecimos estamos tristes pola túa perda; pero, ao mesmo tempo, estamos felices de terte coñecido e agasallados polo enorme cariño que repartías decotío entre todos nós.

A esta hora, días despois do teu falecemento, o grupo de whatsapp que compartiamos aínda fica exhausto. Cheo de corazóns e figuriñas que reflicten o sentimento que todos che profesaban e cheo de agradecemento por contarnos entre os teus seres queridos.

Tres días antes foi a nosa despedida. Falamos de teatro, de que todos os días, mentalmente, repasabas o teu papel en Galicia, terra de lenda, coa ilusión de poder representala na Estrada a primeiros de outubro. Falamos dos novos proxectos, daquela marabillosa serenata que unha noite de xullo che cantaron Julio e os seus compañeiros do grupo Cremallera baixo o balcón da casa. Falamos tamén daquela última función en Catoira na que público e compañeiros recoñeceron o teu traballo cunha ben longa e merecida ovación.

Tamén recordamos anécdotas como aquela na que colaboramos na presentación do libro disco de Xosé Luna e Manoele de Felisa. Ti ías toda de branco cunha pamela. Ao remate, unha amiga da miña dona Amalia preguntoume quen era aquela mociña que me acompañaba sobre o escenario. "Parece unha nena pero é maior ca min", respondinlle. Amalia comentoulle que xa foramos parella en moitas ocasións e eu engadín a modo de brincadeira: "Si, sólo nos falta consumar". Cando Amalia cho comentou, imaxínote respondendo coa cara serea e tranquila e o dedo índice levantado... "No lo verán sus ojos...!".

Alí estaba a túa filla Sonia e sorrimos... falamos... falamos do teatro da vida... da vida...

Que teñas unha boa viaxe, Loliña!

*Actor estradense

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook