Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Bragado.

Campo de Granada

Manuel Bragado

Sequiscentenario verniano

Vigo, como cidade verniana que é, non pode esquecer que este mes de setembro se celebra o sequiscentenario da publicación de "A baía de Vigo", texto que constituiría o capítulo oitavo da segunda parte de 20.000 leguas baixo dos mares (tradución galega de Mercedes Pacheco, Ir Indo 2004), unha das novelas chave da serie de "Viaxes extraordinarias" de Jules Verne, publicadas por entregas quincenais polo editor Pierre-Jules Hetzel na revista "Le Magasin d'Eduction et le Récréation". Unha efeméride, lembrada oportunamente por Eduardo Rolland, membro da dinámica Sociedade Jules Verne de Vigo, que constitúe un motivo magnífico para volver sobre un texto emblemático que se le pública e colectivamente no paseo das Avenidas cada 18 de febreiro, coincidindo co aniversario da chegada á ría de Vigo do Nautilus do capitán Nemo.

Unha efeméride de ficción, estritamente literaria, na que se desenvolve unha das escenas máis inesquecibles da novela na que fronte os retratos do seu gabinete (do que existe unha fermosa recreación no Aquarium Finisterrae da Coruña) Nemo debulla as súas conviccións políticas, mais na que tamén sabemos que visita a nosa ría coa intención de facerse co ouro dos galeóns fundidos en Rande, o que permitiría financiar as súas viaxes. Un capítulo que demostra a sólida documentación manexada por Verne que coñece tanto as condicións náuticas da ría de Vigo, pintada polo bretón con "augas impregnadas de luz eléctrica", como os avatares da batalla librada no estreito de Rande e na enseada de San Simón o 23 de outubro de 1702, sen esquecer as iniciativas das primeiras expedicións de rescate do tesouro dos galeóns promovidas polo banqueiro Hipólito Magen nas que se utilizaron escafandros semiautónomos e lámpadas eléctricas. Un capítulo, ademais, non o esquezamos, esencial na conformación de Vigo como cidade de novela, xa que constitúe a primeira referencia internacional nunha das obras máis populares e traducidas de Verne como da literatura popular de finais do século XIX e de todo o XX.

Un capítulo, "A baía de Vigo", incluído en 20.000 leguas baixo dos mares, novela cuxa primeira edición, como soubemos na exposición "Julio Verne. Los límites de la imaginación" (Marco 2018), constitúe unha auténtica rareza xa que foi editada antes en castelán ca en francés, un caso único na obra verniana. Así o testemuña un exemplar de 20.000 leguas de viaje submarino, novela editada en Madrid en 1869 por Tomás Rey, traducida por Vicente Guimerá, que se anticipou dous anos á edición orixinal francesa do editor Pierre-Jules Hetzel, aparecida en novembro de 1871. Un atraso ao que non foron alleas as dificultades de abastecemento de papel nin o conflito da Guerra Franco-Prusiana, que chegou ás portas do número 18 da parisina rúa Jacob, onde o editor tiña a súa sede e onde dende 1863 planeou e compartiu con Verne a saga de novelas de aventuras que axiña se farían famosas en medio mundo tras a publicación ese ano da primeira delas, Cinco semanas en globo.

Relación entre Verne e Hetzel que sempre se pon como modelo de participación activa do editor no desenvolvemento dun proxecto literario, o das "Viaxes extraordinarias", que autor e editor concibían como un soporte excelente para transmitir os coñecementos científicos e xeográficos entre a mocidade. Unha intencionalidade á que non era allea as conviccións de Hetzel de que a ciencia era a clave do progreso e de que a educación da mocidade, á que o editor destinaba boa parte das súas obras, debía ser laica, gratuíta e obrigatoria, o que contribuiría devagariño a mudar o estado das cousas. Sabemos que a disciplina lectora de Hetzel, editor tamén de Víctor Hugo, Balzac, Zola ou Baudelaire, contribuíu coas súas correccións e suxestións a fixar os manuscritos de Verne, que sempre se amosou receptivo con esta paixón optimista do seu editor.

Non esquezamos que "A baía de Vigo" é apenas o primeiro feito da relación de Verne con Vigo, porto no que recalou de forma probablemente non premeditada unha década despois da súa tan impactante visita imaxinaria. Escala que repetiría en 1884, outra vez para solucionar un problema na caldeira do Saint Michel III, na que quizais chegou a coñecer a Antonio Sanjurjo Badía, o propietario do taller La Industriosa, relación ficcionada por Ledicia Costas na súa novela Jules Verne e o secreto das mulleres planta (Xerais 2016).

Este sequiscentenario verniano debería contribuír a que, como levamos propoñendo dende hai case dúas décadas, Vigo valore ao seu primeiro embaixador literario. Pódese bautizar a ponte de Rande co seu nome. Pódese incluír no noso rueiro ou fixar co seu nome á futura biblioteca do estado. Como o Concello de Vigo podería establecer un lazo de irmandade ( joumelage) permanente co de Nantes, onde naceu o bretón. Vigo con Verne.

stylename="070_TXT_inf_01"> bretemas@gmail.com

Compartir el artículo

stats