O pasado día 24 de agosto, tivo lugar unha espectacular malla na contorna do Museo Etnográfico Casa do Patrón, que contou coa asistencia do Conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, D. Román Rodríguez, acompañado polo Alcalde de Lalín, D. José Crespo, arroupado por outros cinco ediles da Corporación, o Subdirector do AGADER, D. Javier Blanco, o Delegado Provincial do Medio Rural, D. Antonio Crespo e outras autoridades, persoas organizadoras doutras mallas de Galicia (Silleda, Allariz, Lobios, Ordes), así como centos de colaboradores, veciños, amigos e visitantes, procedentes de dentro e fora de Galicia, que fixeron esta edición aínda máis grande e concorrida que tódalas anteriores.

Tratábase, nada máis e nada menos, que da XX edición da Malla Tradicional de Doade (Lalín), un evento celebrado de xeito continuado e ininterrompido pola nosa Institución, durante as dúas últimas décadas, executado ao máximo nivel, tanto na calidade e amplitude das súas exposicións de máquinas e motores, da recreación do carrexo dos mollos e máquinas e do conxunto das modalidades históricas da malla (á pedra, con males, con malladoira manual, con máquinas e motores e finalmente co tractor), como na gran participación da poboación local (unhas 70 persoas) e na masiva asistencia de público foráneo.

Xa pola tarde, despois da habitual comida de confraternidade, cantamos e bailamos na V Ruada da Malla, ata ben entrada a noitiña, coa actuación de sete coñecidas agrupacións musicais da Comarca de Deza, rematando co gran concerto do histórico grupo folclórico "A Roda", de Vigo, unha auténtica icona da música popular galega.

Foi unha xornada polifacética e chea de contrastes, na que se transmitiron múltiples vivencias e emocións, mesmo encontradas entre si: a gran experiencia dos maiores, co aprendizaxe da xuventude, os melancólicos recordos dun penoso pasado, cos desafiantes retos que nos agardan no futuro, a tristura e as bágoas de sangue de outrora coas gargalladas e a ilusión dun fermoso presente, o silencioso sufrimento das mallas manuais co impresionante colorido e ruxido das máquinas, as mostras artesanais cunha completa exposición de tractores, máquinas e motores, o suor e o sacrificado traballo matutino das mallas, coa comida campestre e a longa foliada da sesión vespertina, a estampa dun aparcadoiro repleto de modernos vehículos, coa incomparable beleza da paisaxe natural que nos envolve con agarimo, o animado alboroto da xente movéndose por todas partes, coa tranquilidade cotiá da nosa aldea.

Pola nosa banda, estamos ben ledos e orgullosos de levar 20 anos consecutivos organizando esta gran festa etnográfica no corazón da Galicia interior, rememorando a actividade comunitaria más importante da Galicia rural durante séculos, pero sobre todo, profundamente agradecidos a toda esta xente humilde e xenerosa que nos leva apoiado e acompañado, ano tras ano, con ánimos renovados en cada edición, empurrándonos a facer realidade uno soño: a catalogación deste evento como "Festa de Interese Turístico de Galicia", que solicitaremos de xeito inmediato, por considerar reúne con creces a totalidade dos requisitos esixidos (antigüidade, continuidade, gran participación e asistencia de público, singularidade, gran relevancia, así como calidade, variedade e difusión dos seus contidos). Será pois outro éxito compartido cos milleiros de galegos que levan colaborado dos xeitos máis diversos coa nobre causa do Museo Etnográfico Casa do Patrón, na súa constante e incansable loita por recuperar, conservar e difundir a cultura e o legado do gran pobo galego, e por homenaxear a valentía e o sacrificio sen límites dos nosos devanceiros, a quen lles debemos todo o benestar do mundo actual.

*Presidente da Casa do Patrón.