Metida de cheo durante todo o ano no labor que desenvolve dende tempo inmemorial, a muller do mar de Galicia sae da auga e entra no fío e viceversa. Sempre. E que dure, porque o día en que a muller do mar galega deixe de prestar os seus servizos no sector pesqueiro, ben se pode dicir que este tamén deixa de existir. Porque, alguén imaxina as praias galegas sen a figura encorvada, raño en man, dunha mariscadora que sementa, limpa ou extrae ameixa, berberecho, etc.? É posible que calquera de nós se achegue a un porto pesqueiro e non vexa a unha muller en pé ou semisentada tecendo e destecendo rombos, costuras, panos nos aparellos de pesca?

Faise posible pensar nunha conserveira na que as mans da muller non estean presentes no proceso de limpeza, de cocedura, de envasado do produto, sexa este peixe, cefalópodo ou marisco bivalvo?...

Organizada pola Asociación Nacional de Mujeres de la Pesca, Muros -vila pesqueira por antonomasia- abriu de par en par as portas da vila a unha exposición que tributa rendida homenaxe á muller do sector marítimo-pesqueiro. Esa muller co molido á cabeza que levaba sobre esta a bacía de madeira coas capturas acadadas coas nasas; que levaba á cabeza o balde de zinc cheo de polbo para o vender na praza; esa muller que pola mañá ía á ata mentres non tiña quefacer na conserveira ou na salgueira; esa muller que alistaba os nenos para os deixar na escola antes de ir rañar na praia na procura de cuncha e que ao non haber marea aproveitaba para, na casa, botar man da cazola e preparar o xantar de todos (moitas veces o gando incluído)... A muller, formando parte indisoluble da familia mariñeira, protagonista da exposición Mulleres, entre augas e entre fíos, para enxalzar, si, o seu papel neste mundo que sempre foi de homes e no que a muller, quixer ou non, sempre desenvolveu un co-protagonismo que ninguén, aínda a día de hoxe, pode negar.

Unha exposición ben acaída en Muros, onde a auga e o fío teñen carta de natureza.