Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os Camiños da Vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Neoliberalismo e socialismo en Vigo

Sendo o cronista mozo chamábaselle "neoliberalismo" (digamos, na Alemaña Federal) a unha gobernación na que o capital era incitado a ceder en políticas sociais benevolentes que convivían coa hexemonía do monopolismo privado de Estado. Aquel outro neoliberalismo convertía o proletario en consumidor nunha atmosfera de benestar, e alonxábao da fantasía comunista. Caída a URSS, caíron as máscaras. O neoliberalismo converteuse noutra cousa: a redución do sector público ao máximo e a precarización das masas.

A privatización universal, prescripta para todos polo Grande Capital, acada tamén ás cooperativas e ás entidades filantrópicas que producen beneficios. As Caixas de Aforro de Galicia foron liquidadas e entregadas, por exemplo, a unha financeira trasnacional; exactamente venezolana. Explicounos, isto último, moi ben, Xavier Vence. Unha mostra ben clara de aplicación do neoliberalismo en Galicia atopámola en Vigo, baixo mando do PSOE e doutros. Moitos importantes servizos municipais pasaron a mans privadas, habitualmente con sedes fora da cidade e de Galicia. Outros servizos foron xa creados como comisionistas particulares. E todo isto unido, cousa ben curiosa, a un arcaico nacionalcatolicismo tan entrañabelmente vigués como é a procisión do Cristo da Victoria presidida polo alcalde neoliberal con ostentación de vara de mando.

Fontes sindicais particípannos que, hai xa tempo, a preservación e mantemento da chamada rede museística de Vigo foille entregada a unha corporación ou firma privada de Madrid que coido que se chama Servicios de Seguridad Integral y Mantenimiento: A I, que parece que depende do grupo Eme. Traballadores desta empresa privada, en número de 30, prestan excelentes servicios en museos e centros culturais ou dependentes do concello de Vigo. Pero o escándalo xorde cando a empresa contratista deixa de pagarlles, ou pasa a pagarlles descompensada ou irregularmente, os salarios aos traballadores e traballadoras. Con gran sentido da responsabilidade ,os empregados prestan os seus servizos nas entidades culturais (tan escasas e desnortadas) de Vigo, pro non cobran ou cobran a destempo.

Coido que é o intre de que a opinión e especialmente os usuarios dos centros vigueses de cultura, esixan a municipalización e desafiuzamento desta empresa privada que incumple cos seus empregados e cos habitantes da cidade. A empresa de vixilancia municipalizada de centros culturais e museos non podería facer outra cousa ca incorporar automaticamente o persoal maltratado pola concesionaria contratista que hoxe se lucra do servizo. Sería este un xesto de bon goberno moito mellor acollido en Vigo ca a eternización da Cruz dos Caídos de Franco na caeira Norte do Monte do Castro. Na cal está a mina da Fonte da Falperra, hoxe clausurada. Vigo elles así.

Compartir el artículo

stats