Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

HISTORIA

Pazos defendía repartir as terras entre os xornaleiros

Os radical-socialistas beneficiáronse sobre todo do seu acceso ao poder en contados concellos nos que ao proclamarse a República eran a principal forza republicana organizada ou captaron a antigos notables locais en busca de acomodo, como aconteceu en Verín, Vilardevós, Vilariño de Conso, O Carballiño, Ribadavia, Canedo, Montederramo, Boborás, Castrelo de Miño, Cualedro, Irixo, Laza, Lobios, Monterrei, Trives, Quintela de Leirado, Ramirás e San Xoán de Río. Isto contribúe a explicar os seus máis que notables resultados electorais en xuño e tamén o crecente prestixio de Pazos, quen participou na organización da Federación de Agrupacións Radical-Socialistas de Galicia a finais de 1931 e acudiu en representación de Ourense aos debates que o partido mantivo sobre a cuestión autonómica, integrándose tamén na comisión formada por Ánxel Fole e Santiso Girón que debía de analizar o proxecto de Estatuto. Respecto a esta cuestión, o PRRS propuxo diversas emendas ao anteproxecto de Estatuto, sendo os ourensáns partidarios da acentuación dos poderes rexionais.

Daquela, Alfonso Pazos, que tamén exercía como secretario da dirección da Federación Patronal de Ourense, prodigábase con discursos moi radicais na liña do partido nos que defendía dende a expropiación dos latifundios e o reparto da terra aos xornaleiros, á desaparición do Exército, a total separación de Igrexa e Estado ou o carácter nitidamente socialista do partido. Isto contribuiría a explicar o seu probable abandono do PRRS e o seu pase á Izquierda Radical Socialista, fundada por Juan Botella Asensi logo da súa escisión no congreso de xuño de 1932: a xulgar por unhas manifestacións de Felisindo Álvarez Xesteira, que tamén abandonou o partido para achegarse a Casares Quiroga, Pazos, "sin contar para nada con sus electores, disintió de la mayoría del partido y tomó banderas con el Sr. Botella Asensi sin previa renuncia al cargo de diputado". Con todo, non temos constancia de que o partido tomase contra el medidas disciplinarias, aínda que si quedou excluído do comité provincial elixido en outubro de 1932, que pasou a presidir Anselmo López García. A finais dese mesmo ano arredouse de xeito definitivo da minoría radical-socialista no Congreso e integrouse nunha minoría de extrema esquerda republicana comandada por Botella Asensi e Eduardo Ortega y Gasset.

Pola súa banda, o PNRO vaise integrar no Partido Galeguista (PG) en novembro de 1931 -aínda que a súa derradeira xuntanza atrásase ata xaneiro do ano seguinte-, de cuxo consello directivo pasan a formar parte Risco e Álvaro de las Casas.

No que atinxe ao PRR, en outubro de 1931 designouse un comité provincial presidido por Fábrega, a quen acompañaban Pío Príncipe (vicepresidente), Abdón Vide (secretario de actas), Leopoldo Arias (secretario xeral), Fernando Ramos e Antonio Buján (vogais). A asemblea provincial de xaneiro do ano seguinte, á que acudiron representantes dos 98 comités que funcionaban na provincia, ratificará a súa xestión e confirmará a todos nos seus cargos. Pouco despois, no mes de xullo, organizáronse as xuventudes do partido, que adoptaron o nome de Vanguardia Republicana Radical. Na súa xunta directiva figuraban dous fillos de Fábrega, Luis e Pastor, que ocupaban, respectivamente, a secretaría e unha das vogalías; o primeiro accederá á súa presidencia na renovación de febreiro de 1933.

Discrepancias

Ao mesmo tempo, o partido principia o seu xiro cara a dereita e afástase cada vez máis da esquerda republicana pola súa discrepancia en apartados como a reforma agraria, a lexislación laboral ou a colaboración cos socialistas. O día 9 de outubro de 1932, nunha asemblea rexional celebrada no Teatro Principal de Ourense, o grupo ourensán presentou un relatorio no que se sintetizaba a súa posición respecto ao espiñento tema das relacións cos restantes partidos republicanos e respecto do goberno. Os seus puntos esenciais pasaban polo mantemento de relacións cordiais con todos eles agás cos socialistas, cos que non se debía colaborar, e pola defensa dun goberno de concentración republicana presidido por Lerroux; pola contra, o sector do partido encabezado por Martínez Barrio facía daquela votos polo entendemento cos socialistas e con Azaña. Curiosamente pronunciouse por dotar a Galicia dun estatuto idéntico ao catalán, aínda que atrasando a súa votación para cando existisen garantías para a súa aprobación, o que na práctica levoulle a defender unha posición contraria ás autonomías que tiña moito que ver co seu labor de oposición ao Goberno e que irá a máis nos vindeiros meses ata o punto de organizar diversos actos en contra de aquel. Na xuntanza, Fábrega presentou ademais dúas propostas: unha relativa á continuidade das obras do ferrocarril e ao seu remate nun prazo de oito anos, e outra na que se instaba aos deputados galegos a intensificar as súas xestións na defensa do sector vitivinícola galego. Da súa preocupación polo sector agrogandeiro tamén é unha boa mostra o seu labor de oposición ao Tratado comercial con Uruguai.

Fábrega, na súa condición de deputado, tamén estivo presente na Asemblea nacional do partido celebrada en Madrid unha semana despois, que ratificou a súa oposición á colaboración cos socialistas e elixiu un novo comité executivo de quince membros no que a presenza galega quedou limitada ao coruñés Gerardo Abad Conde. En xaneiro do ano 1933, unha nova asemblea provincial elixiría un novo comité executivo provincial no que o farmacéutico continuaba na presidencia, pero no que xa comezaban a manifestarse algunhas disensións significativas. Foi o caso da negativa de Antonio Buján e do presidente das Xuventudes, Antonio Villanueva, a integrarse no mesmo, posiblemente pola súa desconformidade co xiro cada vez máis dereitista do partido. No mes de xullo era o propio Fábrega o que denunciaba no Parlamento a persecución de que eran obxecto varios concellos de maioría radical na provincia, o cal, nalgúns casos, mesmo daban orixe a estraños "apaños", como aconteceu coa destitución do concello de Maside, ata entón controlado por oito seguidores do PRR, e onde foron nomeados oito concelleiros da ORGA e seis fieis a Calvo Sotelo. Ese mesmo mes, en concreto o día 10, a Gaceta publicaba o seu nomeamento para a Comisión Provincial para a substitución de ensino relixioso en representación do concello; neste organismo tamén se integrou Eleuterio G. Salgado como representante do Consello Local.

As disensións irían a máis co gallo da elaboración da candidatura radical cara as eleccións de novembro de 1933. O partido decidiu concorrer en solitario e presentar unha lista polas maiorías, resultando electos Basilio Álvarez, Justo Villanueva, Fernando Ramos e Luis Fábrega Santamarina, quen deberá abandonar a presidencia da Vanguardia Radical. Ao parecer, substituíu ao seu pai por consello do propio Lerroux, unha vez que a representación popular na Carrera de San Jerónimo resultaba incompatible coa presidencia da Deputación. Ao tempo, os disidentes, encabezados por Buján, presentaron unha candidatura de carácter esquerdista, o Partido Radical Autónomo Gallego (PRAG), que fracasou estrepitosamente nas urnas. Na VII asemblea provincial de abril de 1934 os enfrontamentos fixéronse aínda máis evidentes, o que non impediu que Fábrega mantivese a presidencia do partido, acompañado de Santos Fernández Fueyo na vicepresidencia e con Basilio Álvarez de presidente de honra.

Ben diferentes foron as cousas para o PRRS. Alfonso Pazos, que como apuntamos seguira a Botella Asensi na súa disidencia, debeu retornar ao curro do sector ortodoxo, pois figura entre os candidatos proclamados polo partido polas minorías co gallo das eleccións de novembro de 1933. Do seu indubidable prestixio, malia as críticas con que lle obsequiaba La Región acusándoo de apenas aparecer polo Congreso e desatender a súa procuradoría, fala ben ás claras o feito de que con 47.000 sufraxios foi o candidato máis votado da esquerda, a pesares do cal non puido revalidar a súa acta. Mais as discrepancias internas seguían lastrando ao partido e á agrupación ourensá. A finais deste ano, Manuel García Becerra abandonou o partido seguindo a Marcelino Domingo, partidario de manter a colaboración cos socialistas e arredarse do PRR, e en abril do ano seguinte integrouse en Izquierda Republicana, o novo partido liderado por Azaña, que tamén fixo un oco para a ORGA de Casares Quiroga, á que, paradoxalmente, tanto combateran os radical-socialistas ourensáns.

O sector ortodoxo do partido continuou fiel a Gordón Ordás, pero da distancia que Pazos seguía a manter coa organización fala ben ás claras a súa ausencia da directiva local elixida en xaneiro de 1934. Secundino Couto Solla, presidente provincial do mesmo, semellaba ser daquela o home forte da organización, o que non impediu a presenza conxunta de ambos os dous no mitin celebrado o 22 de xullo de 1934 nun ateigado Teatro Losada. Nesta ocasión, Pazos recuperou o seu ton radical, pronunciándose pola unión de todos os republicanos e mesmo a necesidade de que "gobernasen en dictadura" se fose preciso e en contra da Constitución, polo demais, segundo el, xa dabondo aldraxada por radicais e cedistas. A fusión do PRD de Martínez Barrio e os radical-socialistas ortodoxos de Gordón Ordás en setembro de 1934 para dar vida a Unión Republicana (UR) facilitaría a recomposición deste espectro político situado á esquerda dos radicais lerrouxistas.

Tamén no seo do PG as disputas entre o sector ourensán e a dirección do partido ían a máis, en especial dende que a IIIª Asemblea (xaneiro de 1934) dera luz verde para principiar contactos coas forzas esquerdistas de cara a unha alianza que permitise sacar adiante o Estatuto, cousa que o Consello do PG acabaría por facer público a finais de marzo de 1935 a través de A Nosa Terra. O integracionismo, que ata entón se mantivera a forza de asegurar a equidistancia entre os dous polos, viuse seriamente comprometido para disgusto dos elementos máis conservadores do partido. Porén, daquela Eleuterio González Salgado facía gala dunha posición algo máis avanzada a xulgar pola súa participación en diversos mitins nos que se amosaba desconforme co rumbo dereitista imprimido á República para desgusto incluso de La Zarpa.

Aínda maiores eran os problemas internos que sacudían ao PRR. Conforme ao Decreto de 4 xaneiro de 1934, o gobernador civil decidiu trasladar o día 10 do mes seguinte á Deputación Provincial os novos equilibrios políticos resultantes das eleccións de novembro, destituíndo aos deputados de significación republicana, galeguista e socialista e substituíndoos por outros vinculados do sector oficialista do PRR e a dereita. Os novos xestores foron propostos polos deputados a Cortes elixidos en novembro do ano anterior, e dados os resultados obtidos (tres actas RE, unha a CEDA, catro o PRR e un agrario) resulta doado imaxinar por onde irían os nomeamentos. A renovación, con todo, non afectaba a Fábrega.

Compartir el artículo

stats