Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

España non é Portugal

No mes de xuño de 1640 unha moitedume integrada por segadores que visitaban Barcelona polo Corpus Cristi moveu grande tumulto. Desatáronse disturbios aos que se sumaron burgueses e tamén nobres. Cataluña tentou separarse da España dos Austrias e nomeou Conde de Barcelona ao rei Luis XIII de Francia. Aquel acto independentista foi sofocado por Madrid.

En Portugal, e simultaneamente, un número reducido de conspiradores, nobres e burgueses de toga, preparaba unha acción audaz. Proclamaron na sombra rei de Portugal a don João, duque de Bragança, e decidiron independizarse de España. Por sorpresa, os conxurados deron un perfecto golpe de estado o 1 de decembro de 1640. Á revolta uníronse todas as forzas e clases sociais de Portugal, que desconectou do goberno de Madrid cuxa cabeza era Filipe IV e restaurou a monarquía portuguesa. En virtude deste golpe, seguido dunha guerra de independencia que perdeu España, Portugal é hoxe un estado soberano e independente.

Moito máis tarde, o 25 de abril de 1974 o Movemento das Forzas Armadas executou un putsch contra o fascismo, na súa forma salazarista, que foi seguido dun intente de revolución social. Esta, ao final, foi freada. Aínda que a Historia nunca se repite, as semellanzas formais entre os golpes de 1640 e 1974 son extraordinarias. Nin no século XVII nin no XX España comprendeu o que pasaba en Portugal.

Houbo alguén que dixo que os españois consideran Portugal unha especie de Albania que lle usurpa a Madrid toda a súa costa Oeste, do cal Galicia é a excepción. A ignorancia profunda na que viven os españois a respecto da realidade portuguesa é case universal. A ocorrencia de Sánchez ao pedirlle a Pablo Iglesias que se aveña a unha solución "á portuguesa" implica descoñecemento. No Portugal de hoxe os partidos políticos son producto e feitura dunha auténtica Revolución, aínda que esta fose abortada polas forzas do capitalismo atlatista. Aínda así o partido da dereita chámase Socialdemócrata.

E en Portugal non hai Cataluña ningunha intentando a súa independencia como fixera o día do Corpus de 1640 e como está a facer hoxe. En Portugal non hai nacións negadas nin outra minoría nacional que non sexa a leonesa de Miranda do Douro. Un PCP que nunca pasou pola experiencia eurocomunista e se tén revelado como incombustíbel e unha esquerda radical de novo signo, o Bloco, que superou o radicalismo pequenoburgués de fachada socialista, están a darlle ao goberno do PS asistencia parlamentar pactada coa satisfacción, polo momento, das clases populares que ven mellorar as súas condicións de vida e de traballo.

A diferencia entre España e Portugal radica en que a república veciña coñeceu unha verdadeira ruptura democrática en canto que este reino é unha reforma do réxime franquista. Con tal dereita e con tal partido socialista en Madrid non pode haber nin asistencia parlamentaria da esquerda real nin goberno de Frente Popular. A Historia sempre está a modular o presente.

Compartir el artículo

stats