Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Vilar de Mouros vive

No ano 1014, as naus de Olaf Fillo de Harald, rei de Noruega, aproaron as augas do río Miño. Deixaron de couso uns lugares acasarados na ribeira do río Coura (ou Coria), e foron con todo o furor viquingo contra Tui. Fixeron da cidade cinsas e roubaron (na acepción etimolóxica da palabra) as aldeas todas do Baixo Miño. A igrexa católica, trala súa conversión, faría de Olaf Haraldson un santo polos seus esforzos en conducir os escandinavos a fe de Cristo. Tui seguiu a fumegar e algúns dos seus habitantes sobreviviron dentro das murallas ancestrais do Aloia con grandes dificultades.

Moitos anos mais tarde, o 1 de febreiro de 1071, o noso infeliz rei García II, tomou ao seu cargo a reconstrución da cidade e do bispado de Tui. No derradeiro diploma extendido coa súa asinatura, antes de ser preso até morrer, don García de Galicia facía doazón a Tui, na persoa do bispo Xorxe, dunhas casas e terras que o viquingo Olaf Haraldson deixara atrás de couso cando entrou cos seus homes polo Miño para achandar Tui. Esas casas e eses eidos situados na aba da serra de Arga e na viaxe final do río Coura antes de se esleír nas xunqueiras de Caminha, son as que naquela feira e na actualidade recibían e reciben o nome de Vilar de Mouros.

Segundo o xuízo de Ermelindo Portela Silva, historiador intelixentísimo de Don García de Galicia, debemos valorar o documento de Vilar de Mouros como exercicio de estilo personal e impregando da subxectividade do noso Rei, que a Historia adversa conduciría a prisión e ao esquecemento do seu propio pobo.

Ainda hoxe non hai en Tui nin en Galicia enteira rúa nin praza dedicada a Don García, rei usurpado de Galicia que morreu cargado de cadeas e víctima do seu irmán feroz nas soedades do castelo de Luna. Certo que Víctor Hugo lle dedicou a Don García belos versos alexandrinos que foron esquecidos no fondo da Legende des Siècles, até que Henrique Harguindey os resgatou do desleixo.

Pro non hai espazos públicos en Galicia que leven o seu nome. Don García quixo restaurar Tui, cidade que, no seu diploma, estaba "vidua atque lugubris". Ou sexa: "valeira" e "coas paredes arruinadas". Aínda hoxe, na diócese de Tui, na que se inclúe Vigo, "lóbrego" e o que non está dividido pola man civil. Onte estiveron mozos e mozas vigueses no festival de rock de Vilar de Mouros, o principal e máis antigo da Gallaecia no seu xénero. Moitos viñeron encantados pola actuación dos galeses Manic Street Preachers. Teño entendido que as hostes marítimas de Olaf Haraldson tamén fixeron estropicio nas poboacións do País de Gales antes ou despois de reduciren Tui a po. Este grupo de rock crítico veu de Gales a Vilar de Mouros, e o Miño acolleuno con cariño.

Compartir el artículo

stats