Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Anzois de ouro en augas revoltas

César Augusto, emperador romano que gobernou entre o 27 a. C. e o 14 d. C., tiña por norma librar unha batalla só cando se pode esperar máis proveito da vitoria ca prexuízo da derrota. Para xustificar isto, razoaba que, quen na guerra aventura moito para gañar pouco, parécese ao home que pescase cun anzol de ouro. A súa perda non podería compensar presa ningunha. Utilizaba tamén con frecuencia o adaxio Festina lente ('apresúrate lentamente') para identificarse cunha maneira de proceder.

Pode parecer que a falida investidura de Pedro Sánchez os días 23 e 25 de xullo tivo como causa non chegar a unha repartición de carteiras ministeriais entre o PSOE e UP. Secasí, na base deste desencontro está a falta de vontade para construír un pacto programático de lexislatura que determinase as medidas de Goberno que levar adiante de forma cohesionada, sobre o principio de lealdade recíproca. Non se pode gobernar coligados se non se definen previamente as accións que se desenvolverán partindo do que se coincide e comparte, e non do que separa. Tendo claro que as competencias se exercen por todo o Gabinete. Presidencia e Consello de Ministros toman as decisións, decidindo por consenso ou maioría, tendo en conta a capacidade dirimente do presidente. Pretender pactar só a investidura e os cargos e pensar que a acción de Goberno se podería ir edificando con imprecisos acordos conxunturais non só se demostrou inviable, senón que, probablemente, nos conduciría a unha crise permanente de moi malas consecuencias para o país.

Goberno monocolor, primeiro; e despois, sucesivamente, oferta de cargos de 2º nivel, independentes de prestixio sen perfil político, veto a Pablo Iglesias e Goberno de coalición con baixas competencias para UP dando entrada a Irene Montero, foron as ofertas da estratexia negociadora do PSOE que rematou na ruptura de negociacións e no fracaso da investidura de Pedro Sánchez. Por parte de UP, non aceptar a derradeira oferta dunha vicepresidencia social e tres carteiras ministeriais (vivenda, igualdade e sanidade) foi un craso erro, impedindo inaugurar xa un novo ciclo político de Gobernos de coalición que fosen reflexo da diversidade existente na sociedade. Algo ao que teremos que afacernos, como ocorre noutros países do noso contorno. De momento, ata o 23 de setembro, data límite para chamar de novo ás urnas no caso de que non se consiga formar Goberno, Pedro Sánchez, desbotando retomar as negociacións con UP, céntrase en explorar outras posibilidades para conseguir a investidura, como chamar outra vez ás portas do PP e de Cs, pero sen descoidar unha posible repetición electoral o día 10 se novembro, porque non parece probable que o secretario xeral do PSOE poida ser investido contando con aqueles que teñen como aliado a Vox.

Pedro, que perdeu a investidura calculando que pode sacar máis proveito da derrota ca beneficio da vitoria, ten que deixar de pensar que o pacto coa formación morada suporá ter dous Gobernos nun e que non pode entregar ministerios e competencias a un partido que nunca xestionou un presuposto. A única maioría posible hoxe é a coalición con UP. Non é hora de buscar culpables, senón de autocrítica buscando dar a cada un o seu sen mesquindades, abrindo as portas da confianza. Ao PSOE e a UP, que nestas circunstancias son os chamados a botar a andar a lexislatura, fáltalles aplicar o adaxio de Augusto: apresúrate lentamente, e non levar anzois de ouro para pescar en negociacións revoltas, cuxa posible perda non xustificaría a presa ou obxectivo que alcanzar.

Compartir el artículo

stats