Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

HISTORIA

O republicanismo ourensán na encrucillada dos anos trinta

Cando o 5 de maio de 1874 ve a luz en Ourense Luis Fábrega do Coello, a experiencia da Primeira República española había pouco que tocara ao seu fin logo do golpe de Estado de Pavía do 3 de xaneiro. Seu pai era Tomás Fábrega Tomás, un xironés que casara con Laura do Coello López en terras asturianas, en cuxa capital provincial deixou un bo número de edificacións que acreditan o seu bo facer como mestre de obras. Ao parecer, Tomás Fábrega chegara á nosa capital para traballar no ferrocarril Ourense-Vigo, cuxas obras principiaran ano e medio antes a cargo da compañía MZOV, que daquela presidía Antonio Cánovas del Castillo. A liña non se remataría ata 1881, data na que se inaugurou o tramo que unía a cidade das Burgas con Arbo. Seis anos máis tarde, a familia Fábrega, xa plenamente integrada na vida ourensá, trasladouse ao nº 31 da rúa de Alba á casa construída polo pai e na que o noso protagonista viviría ata a súa morte en 1960.

Luis Fábrega rematou os seus estudos de Bacharelato no Instituto de Ourense (1891) e pasou logo a estudar Farmacia en Santiago, licenciándose o mesmo ano en que nace Eleuterio Gónzález Salgado, "Leuter" (1899). Tres anos antes, o 3 de febreiro de 1896, viñera ao mundo Ildefonso Pazos Cid.

A década dos noventa contempla a cada vez meirande implicación na vida política e social da cidade de Tomás Fábrega. Malia que daquela o Partido Liberal-Conservador respondía aos parámetros do clásico partido de notables, sen apenas actividade pública máis aló dos períodos electorais, a aprobación da Lei de sufraxio universal de 1890 obrigou ás forzas da quenda a adoptar unha mínima estrutura organizativa. No seu Circulo ourensán, axiña comezou a destacar a figura de Tomás Fábrega, que xa alcanzara certa sona cando xunto con Juan Taboada González -daquela o principal prócer do conservadorismo local na cidade das Burgas- e Alejandro Rodríguez Covelas puxeran en marcha a Cooperativa Cívico-Militar na actual rúa de Lamas Carvajal. Esta especie de "economato" estaba destinado a fornecer de alimentos ás clases máis humildes, que periodicamente padecían a acción dos especuladores que incrementaban de xeito abusivo os prezos cando se producía algunha crise de subsistencia. Os seguidores de Cánovas na cidade das Burgas reuníanse no primeiro andar do nº 6 da Praza Maior, case por fronte do despacho de avogado de Ramón Pedrayo Silva, o avó de Otero Pedrayo.

Tamén nese ano de 1899 celebráronse unha das eleccións municipais máis protestadas na historia da nosa cidade, que, ademais, acabarían por ter unha importancia decisiva na historia da familia. Daquela exercía de alcalde o médico liberal Ildefonso Meruéndano e Tomás Fábrega ocupaba unha das concellarías ao resultar electo nos comicios de 1897. Tantas foron as manipulacións, que a Comisión Provincial tivo que anular todo o proceso, cesou Meruéndano e no mes de xullo formouse un novo concello no que Fábrega Tomás foi elevado á alcaldía, na que se mantería dous anos. Pouco despois, en xullo de 1904, seu fillo abría a súa farmacia na esquina das rúas de Alba e Progreso despois dun ano de prácticas en Arnedo logo de rematar a carreira e de rexentar unha botica en Monforte de Lemos. En 1927 accedería á presidencia do Colexio de Farmacéuticos, cargo no que se mantería ata 1935.

Precisamente naquel 1904 visitou Galicia en viaxe de propaganda Alejandro Lerroux, que daquela tentaba aglutinar ás dispersas hostes do republicanismo con vistas á organización dunha forza que fose quen de ir abrindo unha fenda no pechado sistema da Restauración. Os republicanos constituían un grupo de rancia tradición no Ourense decimonónico a xulgar pola insurrección de outubro de 1869, durante a cal os revolucionarios chegaran a instaurar un goberno provisional que non sobreviviu máis que unhas horas no medio da indiferenza popular e a represión das tropas. Durante o Sexenio Democrático produciríase unha nova tentativa insurreccional en terras de Trives e Viana, cando en agosto de 1873 sublévanse os batallóns de voluntarios "galaicos" para proclamar a República Federal Intransixente e Social; a figura do futuro deputado polo distrito de Trives Juan Manuel Paz Nóvoa adivíñase detrás destes fracasados intentos. Trala forzada paréntese motivada pola desaparición desta primeira xeración republicana nos anos oitenta e noventa ( Alejandro Quereizaeta, Telesforo Ojea e Somoza, Eduardo Chao...), haberá que agardar a esa primeira década do pasado século XX para que un novo grupo tome o relevo. Entre estes hai homes relacionados co mundo do ensino como José Rodríguez Bouzo, Eduardo Moreno López -os dous catedráticos do Instituto- e Hipólito Sinforiano Luengo, membro destacado da Escola Laica, e tamén algún comerciante, como Antonio Santos Fernández.

Luis Fábrega Coello tamén forma parte deste grupo de republicanos históricos ourensáns, posiblemente por influencia do propio Moreno López, que casara con Isabel, unha irmá súa, e finara en Ourense en 1911 non sen antes dirixir ao primeiro grupo de republicanos ourensáns fieis a Lerroux, ex alumno de seu pai en Cádiz. Entre este reducido círculo axiña comeza a destacar a súa figura ata o punto de resultar electo concelleiro nas eleccións de 1922. Dous anos máis tarde, en xaneiro de 1924, xa con Primo de Rivera no poder, foi designado deputado provincial polo gobernador civil Salustiano Muñoz como "republicano de orde" a proposta nada menos que de Arturo Salgado Biempica, o home forte de Calvo Sotelo na provincia e en representación do distrito de Viana-O Barco. Cesou en xaneiro de 1925 despois da entrada en vigor do Estatuto Provincial. Entre as principais cabeceiras dedicadas por aqueles anos a espallar o ideario republicano cómpre destacar La República (1903-1908), Orense Nuevo (1910-1911), La República (1919), o semanario La República (1910-1911) e, sobre todo, La Zarpa, o xornal fundado en 1921 por Basilio Álvarez, o vello líder agrario tamén vinculado a Lerroux .

Daquela o galeguismo rexurdía con forza ao abeiro das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos, nos que militou Leuter, mestre no colexio de Concepción Arenal e organizador das colonias escolares, integrándose na sección de Prehistoria deste último. Ademais, foi membro da redacción da revista Nós e colaborou en diversas publicacións nas que fixo gala do seu avanzado ideario galeguista, como A Nosa Terra, La Zarpa, Heraldo Orensano (1929) e o Heraldo de Galicia (1930-1936), substituto do anterior e no que tamén figuraba como redactor . E. González, que ademais foi presidente da Cruz Vermella local ata a súa destitución logo da sublevación militar, desenvolveu durante estes anos un papel moi activo na Irmandade ourensá seguindo fielmente as teses de Risco, o seu mestre. Xunto con este, é un dos principais partidarios da necesidade de atraer ás sociedades labregas ao nacionalismo, proposta que en 1921 será aprobada pola Mocedá Galeguista d'Ourense, na que figuraba como socio . E tamén será un dos defensores de Risco pola súa colaboración inicial coa Ditadura na crenza de que así podería lograr para Galicia a ansiada Mancomunidade. Froito desta boa relación inicial coa Ditadura foi o nomeamento de Vicente Risco como depurado provincial e secretario da comisión xestora que había de rexela. Porén, axiña estas expectativas frustraranse diante do rumbo que comeza a tomar o réxime, intre no que o mestre sitúa como primeira prioridade a reorganización do grupo e, dadas as circunstancias, chega a propor en decembro de 1924 "constituirnos en asociación segreda, firmando un compromiso individual e con Xefe enérxico que todos debemos obedecer, sobrepoñendo o Ideal a todol-os personalismos, orixen e causa da nosa situación actual".

Por aqueles anos, Alfonso Pazos tentaba facerse un oco no difícil exercicio da avogacía, tradicional couto das familias de extracción burguesa e fidalga da cidade. O 25 de xuño de 1916 acadou o título de bacharel no Instituto de Ourense e deseguido matriculouse na Escola Normal do Maxisterio Despois de cumprir o servizo militar en África, licenciouse en Dereito pola Universidade de Oviedo cando contaba con 26 anos de idade. O 14 de decembro de 1922 foi nomeado avogado fiscal substituto da Audiencia e en xullo de 1928 incorporouse ao Colexio de Avogados de Ourense nun intre en que a ditadura amosaba xa os primeiros síntomas de descomposición.

En efecto. A constitución en 1926 da Alianza Republicana daría un novo pulo aos grupos de oposición á Monarquía. Esta plataforma política xurdiu como resposta ao intento de Primo de Rivera de perpetuarse no poder e integraba a catro forzas políticas fundamentais: o Partido Republicano Radical (PRR) de Lerroux, Acción Republicana (AR) de Azaña e o grupo vinculado ao Ateneo Madrileño, o histórico Partido Republicano Federal e o Partido Republicano Catalán de Lluís Companys e Marcelino Domingo, quen en 1929 crearía o Partido Republicano Radical Socialista (PRRS). En outubro dese mesmo ano de 1929 fundouse en A Coruña a Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA) da man de Santiago Casares Quiroga, que axiña disputaría a hexemonía ao PRR no campo do republicanismo galego.

O 26 de marzo de 1930, xa dimitido Primo de Rivera e co xeneral Berenguer na xefatura do Goberno, chegouse ao Pacto de Lestrove (Pazo de Torres de Hermida, Dodro-A Coruña), no que a ORGA, a Alianza Republicana (PRR e PRRS), a sección galega da FUE e algúns persoeiros a título individual deron vida á Federación Republicana Gallega (FRG). Un dos que estivo presente nesta xuntanza foi Luis Fábrega, daquela xa convertido nun dos homes fortes do PRR de Ourense xunto con Basilio Álvarez, do mesmo xeito que o eran Emiliano Iglesias por Pontevedra ou Gerardo Abad Conde por A Coruña.

(*) Universidade de Vigo

Compartir el artículo

stats