No último pleno da corporación tratouse unha moción do BNG relativa á situación da sanidade pública e as carencias no Centro de Saúde de Marín. Todas as persoas usuarias deste centro saben dos problemas que hai pola falta de persoal, problemas que se repiten en practicamente todos os centros de saúde galegos.

Como contestación ás xustas demandas desta moción a alcaldesa leu un informe redactado pola Xerencia da Área Sanitaria de Pontevedra onde se detallan os edificios cos que conta o Sergas en Marín e o cadro de persoal, e cando ía ir de vacacións, para xustificar que tiñamos "a mellor das atencións sanitarias".

Gostaríanos que a alcaldesa, acompañada do redactor dese incongruente informe e do xerente da Área Sanitaria, se dignara visitar o centro de saúde de Marín e falar cos profesionais que alí traballan para coñecer a realidade do seu día a día. Verían as colas e o cabreo das persoas que acoden a pedir unha cita ou ser atendidas.

Un cabreo motivado pola falta de persoal, sanitario e administrativo, que non é substituído nas súas vacacións ou baixas por enfermidade. Se pedimos cita para unha consulta médica o máis normal é que tardemos unha semana.

Nos períodos de vacacións os pacientes dos médicos que faltan son repartidos entre os outros, saturando as consultas e facendo imposíbel unha atención de calidade. Hai médicos que prolongan a súa xornada e poden chegar a atender 50 pacientes pola mañá e outros tantos pola tarde.

Este panorama acaba provocando a saturación do Punto de Atención Continuada. E xa sabemos o que pasa nos PACs: profesionais obrigados a facer xornadas continuadas en réxime de semi-escravitude, redución de profesionais os fins de semana quedando o centro sen asistencia cando hai que atender unha urxencia domiciliaria ou un accidente de tráfico.

A nosa alcaldesa chegou incluso a poñer en dúbida que as privatizacións na sanidade pública afectaran ao centro de saúde de Marín.

Lembrarlle que o goberno do PP puxo en mans privadas o Laboratorio Central de Galiza. Entregoulle á empresa "amiga" Indra a xestión das historias clínicas de todos os galegos, a Telefónica as telecomunicacións dos centros de saúde. Tamén privatizou a Plataforma Electrónica e o teléfono de cita previa. Todas estas privatizacións afectan ao centro de saúde.

* Traballador do Sergas