Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

O soño do Mahatma

O cronista era neno; a India, unha colonia británica con categoría de Imperio. Segundo a fantasmagoría de Disraeli, a India era, pois, un Imperio colonizado por outro Imperio. Isto formaba parte do Grande Xogo, ou xadrez maldito colonial, en terminolocía de Rudyard Kipling. Contra o imperialismo ergueuse un lider de caste comercial sudra procedente da emigración india no Cabo. Era Gandhi, que mudou o ben cortado traxe occidental de avogado por unha saba ou sábena de paria de pedir por portas.

Gandhi coñeceu a bibliografía sobre as nacionalidades producida polo comunismo soviético, e soñou. Soñou moito en aplicala á India e facer dela unha confederación de nacións nas que cada lingua e cada cultura fose oficial e usada libremente. Gandhi era vagamente deísta e estaba alonxado de calquera relixión formal. Viña de familia hinduísta. Nada máis tentador para un hinduísta que converterse en ateo. A relixión propia da India é un panteón baseado en tres deuses, Brahama, Shiva e Vishnu, que, á súa vez, se descompoñen nun cento de avatares e andan polo éter e pola terra e pola auga milleiros de outros deuses e cousas divinas. Despois está o budismo, esencialmente arrelixioso e mentalista, salvo nas súas corrupcións tántricas. E Gandhi soñou. Soñaba, sendo eu neno, unha India semellante a URSS, laica. Na Unión India serían desposuidas as monarquías autóctonas, e rexerían só as repúblicas nas que todas as relixións serían respectadas sen inxerencia nin do estado local nin da autoridade que foi parar a Delhi, por razóns de neutralidade nacionalitaria. Tamén se preservou o inglés como lingua oficial da Unión India e de relacións entre os estados. Este era a solución lóxica, xa que facer do hindi ou urdu ou outra lingua a vehicular e oficial ofendería e inferiorizaría as restantes e de uso menor. Así soñaba Gandhi cando eu era pequeño. El quería conquerir a independencia, a confederación nacionalista e o ben común derrotando o Imperio Británico co poder da Non Violencia exercitado incesante e heroicamente polas masas do subcontinente. Foi fácil aceptar o laicismo para os hinduistas, que tenden a considerar os seus moitos deuses como personaxes fabulosos e ficcionarios.

Pero os musulmáns fanáticos e monoteístas da India non aceptaron a doutrina. O Grande Xogo colonialista fabricoulles un estado confisional islámico que é Pakistán. Non quixeron sen indios e pakistanos. E aí os están coa súa dictadura fascistoide e permanente poñendolle dificultades á paz no mundo. Pakistán, sempre movido por tras desde que eu era pequeno e desde que a India foi independente, non parou de combater o soño de Gandhi. Agora, por enésima vez, a guerra de relixión en Cachemira está activada.

Compartir el artículo

stats