Recén elixido, o alcalde do PSOE en Compostela afirmou "urbi et orbi" o seu nacional catolicismo, ou o do seu partido, ao representar o rei na ceremonia, basada nunha mentira histórica, da ofrenda de España ao Señor Santiago. Logo, o tamén alcalde socialista de Vigo, seguiu en contumacia. Non só presidiu a procisión do Cristo da Victoria, dilectísima de Eijo Garay, senón que foi visto noutro acto relacionado co evento contrarreformista. Sábese que o actual réxime, chamado da Reforma ou da Transición, é froito histórico de concertacións entre sectores interesados en que España non chegase a ser unha República laica e federal.

Trabaron acordos: os EEUU de Norteamérica; os monárquicos de don Juan; as xerarquías civís e militares franquistas; o grande, regular e pequeno capital. Xa confluíran algúns, había ben anos, en Munich. Pero, aquel cociñado fora parar ao refrixerador para ser consumido máis tarde con escasas alteracións de condimento. E pactaron os carrillistas e os socialistas, estes despois de mudar Llopis (criptorrepublicán) por González. Pactaron (foi considerado extraordinario por propios e extraños) os burócratas franquistas dispostos a todo por conservar os seus altos cargos. Pactou máis xente, pero o que hoxe toca é non esquencer que a igrexa católica entrou nos acordos. Os xerarcas, clero regular e secular, parte do que din "laicado", selaron tamén os Convenios da Reforma Política a cambio de que a Igrexa Católica, en todas as súas formas e representacións, recibise remuneración económica, exención de impostos e conservase a supremacía simbólica (e non só) na que Franco a instalara despois do golpe de Estado de 1936 e da victoria de 1939. Así veu a Constitución, que algúns megalómenos chaman, á inglesa Charta Magna. É verdade que as ordes relixiosas e clero diocesán católico perderon hoxe un grande número de ordeados e de consagradas. As igrexas están baleiras, e os conventos extínguense. Os colexios católicos non teñen bastantes cregos nin monxas para dar clase.

Pero os alcaldes socialistas de Compostela e de Vigo seguen practicando, como Franco quería, e deixou "atado y bien atado", o nacionalcatolicismo. O cal non se explica sen inscribir este feito na actual crise sistemática cuxa acción principal está tendo lugar no Congreso dos Deputados de Madrid. Pensan Bugallo e Caballero que sen nacionalcatolicismo non podería subsistir o réxime do que eles forman parte. Seguramente están no certo.