09 de agosto de 2019
09.08.2019
REDONDELA

O que vos puiden deixar

09.08.2019 | 02:28

Xa sabedes, meus fillos, filla e dona, que con aqueles saibades rexenerar o meu espírito, tendo en conta o ceo, as terras e a paisaxe espiritual do noso axeitamento, e da vida de paxaros mariños da emigración. O que vos puiden deixar no voso alento foi só a ledicia, a amizade e o espírito dos nosos antergos. Fostes quen de engrolar e artellar nos diferentes xeitos do voso facer galego, como vosa nai, voso pai e demais familiares do Coto Dabaixo e da rúa da Esfarrapada de Redondela, onde a vosa avoa do Coto e da rúa mariñeira vilega vos facían os aloumiños dun futuro de aquí e non de aló.

Ben sabedes o que vos teño que dar, como herdeiros dos meus bens de follas da cultura galega, que sempre me escoitastes falar e loitar para que a nosa lingua se escriturase en Nova York, e en calquera parte onde fosemos. Esa herdanza é o meu sólido montón de cousas que vos deixo para que a Galicia xusta, democrática e libre co seu pensamento propio, continúe na eternidade dos países, e das xentes de todo o mundo. Que o meu agarimo de morto sexa a vosa dedicación á nosa terra e a nosa lingua.

*Manda testamentaria que publicou no libro "En galego, agora e sempre" (2008)

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook