Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Rúa da Auga

Coma o título desta miña bagatela de hoxe íase titular o libro dos poemas galegos de Ramón González-Alegre e Bálgoma. Despois saíu coma Os namoros. Na Rúa da Auga de Vilafranca do Bierzo evocou nas noites de xeada estrondo dos cascos dun cabalo fantasma de nome Irreeento. Nesa rúa naceu o Padre Sarmiento, varón riseiro. Tamén González-Alegre naceu. Non sei por qué, intúo que a Rúa da Auga de Vilafranca é tamén a nativa de Juan Carlos Mestre. Gostaría diso pola veciñanza dos autores citados e doutros que tamén amaron o cultivaron o galego no Bierzo. Eu podía inventar que Mestre veu ao mundo un pouco máis arriba, na mesma Vilafranca. Quero decer ser nado el no Camiño o una Rúa da Borboriña, que adoramos un día Celso Emilio, Castroviejo e mais eu. O cal poido constituir timbre de gloria indíxena para un grande poeta que é, como o apelido indica, José Carlos. Non en van as bolboretas teñen nas alas pó e signos que din chamarse "borboriñas", no Bierzo. Héctor Silveiro, camarada e representante na RAG do dominio irresoluto do Bierzo Occidental de lingua galega, envíame a doa dun libro inesperado: 200 gramos de patacas tristes, por Juan Carlos Mestre. En Espiral Maior, Alba Longa, A Coruña, 2019. Beizón a Héctor Silveiro, que é de Vilafranca. Que facía eu, novo, na Rúa da Auga de Vilafranca, con Celso Emilio e con Castroviejo? Acompañalos para ir á caza da pita (exactamente, na ocasión, galo) do monte en Ancares. Galo que, entón, non foi atinxido e felizmente non caiu a terra do curuto do arbusto desde o cal tralaleabo en metralleta o seu cantar de cortexo. Daquela, pitas e galos do monte ovívido andaban polos Ancares. Castroviejo era Guarda Maior do Reino de Galicia e Serra de Ancares, e tiña moito mando e máis dereito a uniforme de monteiro. Co libro novo, Mestre incorpórase de capitón ná escrita en galego; invadido polos espíritos que vagan pola Rúa da Auga. Se tal, polo cantar do reiseñor do Burbia que el puido, un día inmborrábel da nenez sentir. Todo o mundo sabe que o reiseñor canta en diversos dialectos, e o Burbia, quizais tamén o do Valcarce, modula en berciano, coma o brigadeiro Fernández e Morales. O libro está feito de cristais regulares nun estilo de alto prezo. Pensa un, ao lelo, en "cousas" de Castelao, algún poema en prosa de Eluard, nun billet de xornal francés do 68.

Ou, como decía Saroyan: "Coma un coitelo, coma unha flor, coma nada absolutamente no mundo". Son estampas polisémicas e nacional populares. Nelas está a morte e o crime. E sae, en primeira liña (para avisar o lector distendido) Fernando Pessoa, a quen hai un muudo de tempo que non viamos citado nesta banda do Iberr. Logo asoma a orella cuca, xa fora da mitoloxía, un Heidegger que paraba moito na baiuca de Lugo chamada "O hórreo do Ser". Inda non terminei de debullar o libro de Mestre. Xa lles irei contando.

Compartir el artículo

stats