Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Unha pegada imborrable

Fóisenos Celso Parada. Despois dunha longa reverencia e un fortísimo palmateo fixo mutis polo foro e deixounos fisicamente. E digo fisicamente porque, mentres queden persoas neste mundo que amen a Arte -nomeadamente o Teatro e o Audiovisual- e que amen tamén o país en que viven, Sito estará con elas. Porque a súa pegada é imborrable e pervivirá, non só mentres viva a xente que tivo a fortuna de coñecelo e gozar en directo da súa capacidade creadora, senón mentres existan o Teatro, O Cine e a Arte galegas, é dicir, durará para sempre.

Non é cuestión, e menos nun día tan triste coma hoxe, facer un repaso exhaustivo pola obra de Celso. A de director escénico, a de emprendedor cultural ou a de inmenso actor de teatro, de cine e de televisión.

Préstame máis, no día de hoxe, falar da súa xenerosidade, dentro e fóra do espectáculo, da súa profusión de talento creador, do seu desborde de enerxía contaxiosa. Pero axiña se me esgotan as palabras para describir a inmensidade.

Permitídeme entón, simplemente, que lembre aquel Sito que, nos anos 70 e desde o Ateneo de Moaña, foi pioneiro do rexurdir teatral en Galicia e, desde logo, no noso Morrazo.

Permitídeme que fale do Celso que, nun momento delicado de Teatro de Ningures en Cangas, puxo a súa enerxía ao noso servizo e se apuntou a dirixir e actuar connosco nun "Ácido sulfúrico" e a prodigar paixón e talento naqueloutro "Ubú rei" que supuxo un cambio radical na compañía canguesa.

Deixádeme que evoque con cariño ao Sito xestor, co que compartimos experiencia nas Producións Teatrais do Sur, que foi pioneira no país coa unión de tres compañías punteiras para producir e distribuír espectáculos (Morcego, Tanxarina e Ningures), ou que traia a vosa memoria o Celso xeneroso co concello que o viu nacer e foi quen de convertelo en referente das artes escénicas en Galicia coa creación daquela experiencia do "Café do Real", tristemente finada.

Porque ese foi Celso Parada: talento e enerxía; un home que en vez de vivir sen maiores problemas do seu traballo de profesor de galego en institutos, ou da súa grandísima calidade actoral, traballou arreo polo Teatro, pola Cultura e polo País.

Así quero lembralo, pois que as persoas coma el non morren nunca. Poden marchar fisicamente, pero fican connosco e con quen veña detrás. Son inmortais.

*Dramaturgo e alcalde do Concello de Cangas

Compartir el artículo

stats