Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cambio de escenario

Benquerido Sito:

Ao longo da vida, quen non tivemos irmáns fomos buscando e adoptando a persoas coma ti que, en reciprocidade, nos deron acollida. Pero ás veces dende a parroquia dos vivos non podemos comprender ben a partida dos irmáns.

Non sempre é doado entender o que sucede cos artistas que estades no escenario das luces, vestidos de mil traxes, representando a ironía, a soidade, a esperanza, a troula, o humor ou a crítica que nos entregabas durante noventa minutos e, un par de horas máis tarde, tomar unhas cañas coa mesma persoa sen máscara nin maquillaxe.

Apagadas as luces, rematado o espectáculo, pechados os camaríns e o auditorio, non queda máis rexistro do xograr, do Palestina de Misterio Cómico, o anarquista, o lazariño ou o infante dos Patios da Memoria. Fóronse e non se poden activar nin recrear como o cine, a televisión ou a literatura. Forman parte do po, do tempo, da fotografía, da historia e da memoria persoal.

Dende o lugar dos espectadores do patio de butacas, Sito, aínda non somos quen de imaxinar non volver a verte cando menos unha vez cada ano, sobre o escenario, entregando unha nova obra coa túa voz de neno do Casal con pistolas de martinicas, de xuvenil camarada no antifranquismo, de profesor de filoloxía galega, de lector e recitador de Plauto, Ferrín, Cunqueiro, Caballero Bonald ou Pessoa...

Unha canción portuguesa di A alegría dunha nai / é unha filla solteira / casa a filla / vaise embora / vaise a rosa da roseira..., e axúdanos a escribir na túa biografía o cambio e a reconversión que afronta alguén coma ti cando é seducido coa forza do imán e a maxia do fado a outras instancias, retos, proxectos e compromisos máis altos: ao nivel da excelencia na arte da representación.

A entrada para esta túa nova obra, Sito, resulta moi cara para os da bancada do público de Galicia ou para quen te tratamos e levaremos no álbum da memoria. Pero creo que será asumible sabendo que entras no Olimpo das Artes Escénicas da Humanidade coa túa Grande Obra e traxectoria, coa distinción de honoris causa, apadriñado por María Casares e dirixido por Darío Fo.

Espero, irmán, amigo, profesor, compañeiro e camarada, que máis de tres décadas de entregas teatrais por Galicia adiante con humildade, humor e honradez se multipliquen nos novos escenarios da eternidade onde te buscaremos sempre aberto, irónico e sobrado de bo humor, que boa falta nos fai.

Manda un Whatsapp e falaremos sempre!

*Sociólogo e extécnico de Cultura do Concello de Moaña

Compartir el artículo

stats