Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Tribuna libre

Trabas

Penélope tiña saudade do seu home que partira para a Guerra de Troia. Dándoo moitos por morto, comezou a ter pretendentes. Entón, para sacalos de enriba, prometeu casar de novo cando rematase o manto que tecía para o rei Laertes. E mantendo a esperanza no regreso, o que tecía de día, destecíao pola noite.

O pasado 12 de xuño, quedando o xuízo do procés visto para sentenza, Carme Forcadell, Jordi Sánchez, Jordi Rull, Josep Turull, Joaquím Forn e Dolors Bassa solicitaron a súa posta en liberdade aducindo que acabou a vista e que non existe risco de fuga dado o seu arraigo familiar. A fiscalía, na convicción de que volverían cometer os feitos delituosos, solicitou desestimar as peticións. Cousa que así fixo o Tribunal, ao non constatar arrepentimento na chamada quenda de última palabra.

O día 14, Puigdemont, Comín e Junqueras non obtiveron as súas actas de eurodeputados. Junqueras por non ter permiso do TS para saír de prisión, e os outros por rexeitar a JEC que fosen acreditados sen estar presentes, mediante unha declaración notarial feita en Bruxelas en que acataban a Carta Magna. En consecuencia, o 2 de xullo, data de constitución da eurocámara, non poderán acudir e os seus escanos quedarán vacantes, á espera que se resolvan os recursos presentados diante da xustiza europea. Para a Junta é imprescindible que os electos en comicios europeos acudan persoalmente ao Congreso para acatar a norma máxima. Para o avogado, o feito de acudir el representando os candidatos basta para cumprir os procedementos requiridos.

Xa o pasado 28 de abril, a Junta Electoral Central acordou erradamente impedir que Puigdemont, Toni Comín e Clara Ponsatí concorresen ás eleccións europeas do 26 de maio, excluíndoos da lista Lliures per Europa, en que figuraban como candidatos números 1, 2 e 3, por entender que era necesario residir en España. Decisión que contou con catro votos particulares en contra dos once membros da Junta, entre eles os do presidente e o vicepresidente. Tamén, de maneira moi cuestionable, aplicoulles o artigo 384 bis da Lei de axuizamento criminal que obriga a suspender en certos casos nas súas funcións a cargos públicos. Aínda que este precepto non di nada sobre a participación electoral dos candidatos fuxidos da xustiza, como Puigdemont e Comín. Pola súa parte, os discrepantes sostiveron que non se pode expulsalos da lista porque afecta o dereito fundamental de participación política recollido no artigo 23 da Constitución; e tamén que o artigo 384 bis citado está reservado para cargos en exercicio. Así, a fiscalía, ante os recursos dos candidatos, deulles a razón e apoiou que se puidesen presentar. O Xulgado do Contencioso Administrativo nº 2 de Madrid inhibiuse e o TS, que non viu motivo para impedir que concorresen ás eleccións, remitiu de novo a decisión á xustiza ordinaria, que, finalmente, resolveu a favor.

Junqueras, que concorreu na lista Ahora Repúblicas, en prisión á espera de que o TS dite sentenza, unha situación diferente á de Puigdemont e Comín, levará a súa reclamación ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, por entender que o veto de Supremo á súa toma de posesión é unha burla xurídica, unha fraude democrática e unha vulneración de dereitos políticos. Probablemente, tamén, a súa situación será abordada inmediatamente pola Comisión de Asuntos Xurídicos do Parlamento Europeo. Coma no caso de Penélope, moi ben pode ocorrer que o que a xustiza española tece polo día poida ser destecido de noite pola xustiza europea. Esperar e ver.

*Veciño da Estrada

Compartir el artículo

stats