Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os de Canterbury e outros contos

Relevante na Baixa Idade Media inglesa é a obra titulada The Canterbury Tales que deixou escrita Chaucer. En ocasión dunha pelerinaxe ao sartego de San Tomé Becket, un fato de romeiros alivian o camino contándose contos, moi pouco relixiosos en xeral. No corazón da Galicia feudal non coñezo literatura, que non sexa a xacobita propagandística e emitida polos creadores do mito, que recolla o fenómeno das pelerinaxes, como escribía Otero Pedrayo. Nos Cancioneiros do XIII non hai, ou hai ben pouca, camiño ao sepulcro do Apóstolo Santiago. Vexo si, maravillosas pasaxes de romaría, nos Cancioneiros. Pero non levan a Santiago, senón a Reza, a Sanmamede de Bueu, mesmo á igrexa de Vigo. Alí non se vai moito a rezar, ou apenas o fan as nais piadosas que lle poñen velas ou candeas ao santo rural.

Mesmo Bernal de Bonaval fai memoria da sagrazón da igrexa conventual dominicana sen que se lle escape, nin por equivocación, que a cerimonia tivo lugar en Compostela e nas proximidades da cova apostólica. Afonso X o Sabio non puxo das súas cántigas confisionais nin unha mención de Compostela. Chaucer achou na pelerinaxe a Canterbury un pretexto para contar estorias sumamente entretidas. Os nosos trobadores da Idade de Ouro non tiveron en conta Compostela nin o corpo do Apóstolo Santiago.

Despois veu Lutero, e condenou, coas bulas, as pelerinaxes en canto fontes ilícitas e pouco cristiás de lucro. Na Inglaterra do século XVI despareceu a romaría de Canterbury a San Tomé Becket, igual que desapareceron todas as romarías europeas existentes en territorios influídos pola Reforma Protestante. Pero dáme no corpo que, por entón, tamén deveceron as perelinaxes a santuarios e lugares de culto famosos nos reinos e cidades e señoríos nos que a Contrarreforma católica impuxo a súa lei de ferro.

O camiño a Santiago foi esmorecendo, apagándose. Nun punto que eu, na miña ignorancia, non sabería precisar, se cadra xa na Idade Media, en Compostela perdeuse a noción do lugar onde se achaba o sepulcro de Santiago. Houbo quen fixo recuar este grande esquencemento ao intre en que Almanzor arrasou a cidade e o templo.

Pasarían séculos moitos até o XIX. Daquela, o bispo Payá, príncipe da Igrexa Católica, acordou escavar a catedral en procura dunha Segunda Invención dos despoxos de Santiago. Escolleu para iso ao sabio cóengo López Ferreiro. E apareceron vestixios que, precipitadamente, foron proclamados ser os do Apóstolo. O Papa emitiu bula na que se lle concedía ao achádego estado canónico de aceptación, e permitiuse o culto acompañado de indulxencia plenaria para os pelegrinos debidamente dispostos. Naceu así, a segunda era das pelerinaxes. Que semella ser, mesmamente, máis fructifera e remuneradora aínda ca a primeira.

Compartir el artículo

stats